Pestanas principais

O programa “Música nas parroquias” dedicou 45.000 euros a 35 actuacións nas festas locais de Ames

Martes, 18 de outubro de 2022

A Concellaría de Cultura fai balance de todas as actuacións solicitadas por asociacións e comisións de festas do concello dende marzo ata outubro, e que foron incluídas na programación “Música nas parroquias”. Finalmente sumáronse 35 concertos, dos que 30 foron realizados por agrupacións locais de Ames. En total, a Concellaría destinou unha contía de 44.456,19 euros co fin de recuperar as festas das parroquias amesás, tras dous anos de paro obrigado.

A programación de “Música nas parroquias” englobou todas as colaboracións da Concellaría da Cultura, dende marzo ata o mes de outubro, confirmadas coas asociacións culturais e comisións de festas de Ames, e incluídas nos diferentes festexos locais ao longo destes meses.
 
Neste senso, programáronse un total de 35 concertos, o que supuxo un investimento por parte do Concello de Ames de 44.456,19 euros. Das actuacións beneficiáronse unhas 20 asociacións culturais e comisións de festas amesás, que formaron parte do cartaz conxunto de “Música nas parroquias”. O cartel recolleu festexos dende o 19 de marzo ata o pasado 9 de outubro, cando se pechou este programa coas festas de San Andrés e da Virxe do Rosario de Agrón.

Ademais de apoiar a recuperación das festas municipais, os fondos aportados pola Concellaría da Cultura serviron ademais para continuar a aposta polas agrupacións tradicionais e grupos musicais locais. Das 35 actuacións, 30 estiveron protagonizadas por grupos de Ames, aos que se destinou unha contía de 15.895 euros, un 35,7% do total.

As agrupacións de Ames incluídas no programa “Música nas parroquias” foron As Maianas, Airiños do Paseo de Colón, Os Castros, Retranqueiros, A Requinta da Maía, e as corais Lojo Batalla e Antonio Santomil. Ademais, tamén actuaron nas festas parroquiais  amesás a Banda de Música de Brión e a Banda de Música Ateneo de Negreira, ademais dos grupos Os d’Abaixo, Luar na Lubre e Devacas.

A concelleira de Cultura, Natividade González, destacou “a boa acollida que tivo este programa que ten como obxectivo principal dinamizar o asociacionismo e maila música tradicional no noso rural. Este programa xurdiu porque en Ames contamos cun número moi importante de grupos de música tradicional. Neste senso pódese dicir que somos un concello punteiro. Consideramos que todos estes grupos había que agrupalos nun único programa, xa que todos os anos diversas asociacións e comisións de festas solicitaban a actuación de ditos grupos nas súas festas patronais e noutro tipo de eventos. En definitiva, a través deste programa tratouse de dinamizar o asociacionismo municipal e mailo rural. Ao mesmo tempo puxemos en valor a nosa cultura, música e patrimonio”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cultura colaboró para que la música sonase en 35 festejos parroquiales"

Enfoques: "Ames dedicó 45.000 euros a 35 conciertos en fiestas con el programa 'Música nas parroquias'"

AMSGO!: "O 'Música nas parroquias' deixou 45.000 € en 35 actuacións polo rural amesán"

Imaxe de arquivo da presentación do programa

Multimedia

  • Imaxe do cartaz do programa