Pestanas principais

O programa 'Propulsa Danza' chega a Ames mañá 24 de xullo

Venres, 23 de xullo de 2021

O novo programa Propulsa Danza Paisaxe Patrimonio, da Xunta, levará a danza de 4 compañías ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns o 24 de xullo. Dende as 19.00 horas, a veciñanza poderá desfrutar do primeiro espectáculo será E-migrantas, de Kirenia Danza, seguido polo espectáculo Miñaxoia, de Clara Ferrao. Tamén se interpretará a actuación Nexos, de Cía Exire e, por último, o espectáculo Canela, de Laboratori Escénico Coop.

A I edición do programa Propulsa Danza Paisaxe Patrimonio é unha nova iniciativa da Xunta que pretende aclamar os maiores bens culturais que ten Galicia. O ciclo comezará a desenvolverse o 2 de xullo e rematará o 29 de agosto en 27 espazos singulares de toda Galicia, que acollerán outras tantas actuacións de 30 formacións artísticas. O Concello de Ames foi un dos lugares escollidos para levar a cabo estas representacións culturais.

A xornada de danza comezará co espectáculo E-migrantas, de Kirenia Danza, que trata sobre emigración en clave de xénero. A bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez Acosta dirixe este espectáculo protagonizado por David Loira e Esther Latorre.

Na seguinte sesión, a veciñanza poderá desfrutar de Miñaxoia, de Clara Ferrão, unha peza de danza moderna e contemporánea.

A actuación Nexos, de Cía Exire, desvela a complicidade que existe entre dúas persoas, as súas memorias compartidas e a búsqueda incesante dese recordo que as sosteñen no tempo. A representación gañou o Premio á Mellor Coreografía no 18FestivalDZM (Cáceres).

Por ultimo, representarase Canela, de Laboratori Escénico Coop. Trátase dun espectáculo de danza urbana e danza experimental para a rúa e espazos non convencionais. Póñense en valor as habilidades físicas das e dos integrantes, trátanse as propiedades da canela dende o corpo: presencia no paladar, aroma, proceso de extracción... Todo iso lévanos aos sentidos e ás terras de Sri Lanka, de onde procede a especia.

Cartel Propulsa Danza

Multimedia

  • Cartel de Propulsa Danza