Pestanas principais

O programa SaúdeAndo retoma as súas andainas circulares o próximo 5 de marzo

Venres, 28 de febreiro de 2020

A sala de xuntas do centro de saúde de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación do programa SaúdeAndo 2020, organizado pola Concellería de Promoción da Saúde en colaboración cos centros de saúde de Bertamiráns e do Milladoiro. O programa está composto por un amplo programa de andainas de dificultade media-baixa, cunha duración aproximada de hora ou hora e media, e que teñen saída e chegada nos centros de saúde. A concellería busca, a través desta actividade, promover a actividade física e a redución do sedentarismo entre a veciñanza amesá, independentemente da súa idade.

Á presentación do programa SaúdeAndo desta mañá asistiron a concelleira de Promoción da Saúde, Luísa Feijoo, a técnica municipal de Promoción da Saúde, Rosana Martínez, a xefa do servizo do centro de saúde de Bertamiráns, Herminia Rilo e o coordinador do servizo de enfermería, Ubaldo Fernández.

A concelleira de Promoción da Saúde, Luísa Feijoo, comezou a súa intervención realizando unha pequena valoración de como foron as andainas e o programa SaúdeAndo durante o ano pasado. Recalcou que se fixeron un total de 27 saídas, das cales 21 foron saídas circulares en colaboración cos centros de saúde, nas que participaron un total de 357 persoas que percorreron un total de 105,5 quilómetros. Asemade, a maiores houbo 6 saídas de fin de semana nas cales houbo un total de 461 participantes e un percorrido de 45,26 quilómetros.

Luísa engadiu que “se comparamos entre Milladoiro e Bertamiráns podemos dicir que en Bertamiráns houbo un pouco máis de participación, se ben é certo que no Milladoiro o grupo era máis consolidado”. En relación con isto último, aproveitou para comentar que “aparte dos beneficios tanto físicos como psicolóxicos destas andainas, despois está esa parte de socialización e formación de grupo que tamén é moi importante”. Ademais, agradeceu a colaboración de ambos centros de saúde e animou á veciñanza a que participe neste programa.

Pola súa parte, o coordinador do servizo de enfermería, Ubaldo Fernández, aclarou que “ao ser só cada quince días realmente non é un exercicio que aporte moito en canto aos beneficios de formación física, pero creo que estas andainas axudan moito no que comenta Luísa de socializar, e incluso crear grupos que queiran saír pola súa conta e realizar máis actividade física”.

Herminia Rilo, xefa do servizo do centro de saúde de Bertamiráns, afirmou que “as andainas funcionan moi ben, e son unha moi boa idea para seguir colaborando co Concello para promocionar o movemento e o deporte”.

Mentres que Rosana Martínez, técnica municipal de Promoción da Saúde, destacou o feito de “ser capaces de chegar, cunha actividade, a todos os públicos, xa que en moitas ocasións viña unha avoa con un neno, e eu dicía, pois damos chegado a todo. Somos capaces de chegar a idade infantil como aos maiores. Porque probablemente esa avoa si tivera que vir sola xa non viría, e o neno, tampouco”.

O programa retómase o próximo xoves 5 de marzo
As andainas comezan o vindeiro xoves, 5 de marzo, cunha andaina dende o centro de saúde do Milladoiro. Esta, e todas as que se enmarcan no programa, serán as 17.30 horas, alternando as saídas dende o centro de saúde do Milladoiro ou Bertamiráns cada semana. Desta maneira, desenvolveranse todos os xoves ata o mes de decembro, agás os meses de verán, xullo e agosto, que se fará descanso.

Entre os meses de marzo e decembro deste 2020 programáronse un total de 30 andainas, 16 dende o centro de saúde do Milladoiro e 14 dende o centro de saúde de Bertamiráns. Así, no Milladoiro haberá andaina o 5 de marzo, o 2, 16 e 30 de abril, o 14 e 28 de maio, 11 e 25 de xuño, 10 e 24 de setembro, 8 e 22 e outubro, 5 e 19 de novembro, e o 3 e 17 de decembro. Mentres que dende o centro de saúde de Bertamiráns as andainas desenvolveranse o 12 e 16 de marzo, o 23 de abril, 7 de maio, 4 e 18 de xuño, 3 e 17 de setembro, o 1, 15 e 29 de outubro, o 12 e o 26 de novembro e o 10 de decembro.

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "O programa SaúdeAndo retoma as súas andainas circulares"

Presentación do programa SaúdeAndo 2020

Multimedia

  • Presentación do programa SaúdeAndo 2020
  • Andainas de Bertamiráns
  • Andainas do Milladoiro