- Tematica
A Concellaría de Mocidade ten programada para o venres 29 de outubro, unha nova actividade do programa Trouleando, que está dirixida aos/ás mozos/as de Ames. Neste caso, organizouse unha xornada de Nova Jump. O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto do 15 ao 21 de outubro. Para inscribirse hai que enviar a ficha cuberta a omix@concellodeames.gal As prazas, que son limitadas, cubriranse por orde de chegada das inscricións. Esta actividade é de balde e está organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).
O programa Trouleando propón, este mes de outubro, unha actividade que conxuga diversión, deporte e moitos saltos. Os/as participantes terán á súa disposición os 2.440m cadrados do parque Nova Jump, asentado no Centro Comercial Area Central, para a práctica deportiva e a diversión. O parque conta con todo tipo de elementos, dende camas elásticas ata fosos de espuma, pasando por colchonetas e instalacións orientadas ao adestramento de salto. Un bo complemento para saír da rutina da semana e fomentar hábitos saudables nun entorno divertido e seguro.
A rapazada amesá troulerá durante dúas horas neste parque cheo de retos para superarse, ocio activo para combater a pasividade e o sedentarismo. E como estamos en Samaín, a OMIX proponlle a todos os/as asistentes que veñan disfrazados.
A actividade terá lugar o venres 29 de outubro, con saída en bus dende o Pazo da Peregrina (Bertamiráns) ás 19h e da Casa da Cultura do Milladoiro ás 19.15h. O regreso efectuarase nas mesmas paradas, chegando a Milladoiro arredor das 22.30h e a Bertamiráns ás 22.45h aproximadamente. Os participantes menores deben ser recollidos na parada polos pais/nais/titores-as ou representantes legais.
Para inscribirse hai que estar empadroado/a no Concello de Ames e ter entre 12 anos cumpridos (nados en 2009) e 30. As prazas son limitadas (por orde de chegada). Premendo neste enlace pódese descargar a ficha de inscrición, unha vez cuberta hai que enviala a omix@concellodeames.gal. O prazo para entregala é entre o 15 e o 21 de outubro.
Será preciso contar cun mínimo de 15 mozos/as para desenvolvela actividade, en caso contrario, o Concello de Ames, poderá anulala.