Pestanas principais

O proxecto Compartimos Plan na comarca de Santiago celebra un foro no Pazo da Peregrina este venres

Mércores, 23 de xaneiro de 2019

[23-01-2019] O Pazo da Peregrina acolle este venres, 25 de xaneiro, ás 9.00h, un Foro participativo ao abeiro do proxecto Compartimos Plan na comarca de Santiago, impulsado pola Deputación da Coruña. Este proxecto ten como finalidade realizar un estudo de diagnose das políticas de igualdade entre mulleres e homes e de prevención da violencia de xénero na provincia. Así, é un plan de acción dirixido a establecer liñas estratéxicas de actuación a nivel provincial. O foro, debido ao seu carácter dinámico, participativo e colaborativo, estará aberto a toda aquela persoa ou entidade que queira participar.

A Deputación da Coruña está a desenvolver nos últimos meses o estudo de diagnose do proxecto Compartimos Plan, consciente de que é necesario detectar as necesidades existentes en materia de igualdade de xénero nas diferentes comarcas da provincia da Coruña, para poder despois articular un conxunto de medidas e accións dirixidas a favorecer a equidade de xénero no ámbito provincial. Polo tanto, Compartimos Plan precisa contar con todas/os as/os axentes chave do territorio, isto é, coas administracións locais, organizacións locais e demais entidades públicas e privadas da provincia.

Por iso, o Concello de Ames colabora nesta iniciativa realizando o venres, 25 de xaneiro, ás 9.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o Foro de diagnose do proxecto Compartimos Plan na comarca de Santiago. Deste xeito, desenvolverase unha xornada de traballo para amosar unha mostra do que ata o de agora se recolleu no estudo de diagnose. É importante que todas as persoas que asistan a este foro confirmen a súa asistencia a través desta ligazón:https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdHADqJJSpZnCAcg-RRDG3L9ScghbE_wsk5xpTg8eDa_tMUag/viewform

A información que se obteña en dito foro permitirá definir mellor as áreas de actuación para a implementación de políticas de igualdade e mellorar a asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos na execución das súas competencias. Ditos resultados tamén serán tomados en conta para a elaboración dos orzamentos anuais pola sección de Servizos Sociais da Deputación da Coruña, de forma axeitada ás necesidades detectadas e ás prioridades establecidas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Foro de la Diputación para analizar las políticas de igualdad en la provincia"
Compostela 24 horas: "O proxecto Compartimos Plan na comarca de Santiago celebra hoxe un foro no Pazo da Peregrina"