Pestanas principais

O proxecto Youtubeir@s, do que forma parte o Concello de Ames, recibiu o premio Mil Primaveras

Martes, 24 de setembro de 2019

O pasado sábado, 21 de setembro, o Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a cerimonia de entrega dos Premios Mil Primaveras, convocados pola CTNL coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e, para o acto de entrega, tamén do Concello de Pontevedra. Como programa máis innovador recoñeceuse o proxecto Youtubeir@s, do que forma parte o Concello de Ames xunto a 12 concellos máis, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña. A dita cerimonia acudiron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e maila técnica do departamento de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras.

Este pasado sábado, 21 de setembro, a Sala de Congresos do Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu o acto de entrega da primeira edición dos premios Mil Primaveras. O acto, que comezou ás 11:30 horas, estivo conducido pola regueifeira Lupe Blanco e Luís O Caruncho e nel entregáronse os galardóns aos seis proxectos escollidos.

Esta iniciativa foi creada e organizada pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización Lingüística (CTNL), e contou coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Deputación provincial, e nesta primeira convocatoria concorreron un total de 47 proxectos, dos cales se escolleron o Modelo Burela do IES Perdouro (premio ao mellor proxecto estabilizado), Falemos de ti e min do IES de Soutomaior (premio ao mellor proxecto novo), Desafío 48 h do IES María Casares de Oleiros (premio á mellor comunicación e impacto), Youtubeir@s de 13 concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña (premio ao programa máis innovador), Eu presumo de galego do IES de Melide (premio ao mellor proxecto destinado á mocidade) e GCiencia (premio ao mellor proxecto dun ámbito sectorial).

Como programa máis innovador recoñeceuse o proxecto Youtubeir@s, no que participan os concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, Deputación Provincial da Coruña e universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, por abordar un medio prioritario para o futuro do idioma, xa que ten unha grande atracción na xente nova.

Así mesmo, valorouse que este proxecto emprega linguaxes e estratexias comunicativas atractivas para a mocidade e que favorece que as persoas que transmiten a través de YouTube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en YouTube, alén de prestixiar o emprego desta rede social como ferramenta creativa. Neste proxecto é tamén salientable a colaboración de diferentes servizos de normalización lingüística de entidades locais e universitarias e a evolución e mellora do proxecto nas sucesivas edicións. Rosario Pérez Magdalena, integrante do xurado, entregou o premio.

Fomento do uso do galego a través da rede
A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, destacou que “este premio é un gran pulo para que o proxecto Youtubeir@s sega a medrar no futuro. É un recoñecemento a todo o esforzo desenvolvido dun xeito colectivo entre os servizos de normalización lingüística de trece concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña. Deste xeito recoñecese o carácter innovador deste proxecto que fomenta o uso do galego a través da rede e concretamente da canle de YouTube”.

Os Premios Mil Primaveras non están dotados economicamente, mais os premiados recibiron un galardón identificativo. Consistiu nunha peza artística inspirada no logo dos premios e feita de barro de Buño acabado en esmaltes cerámicos. As pezas son obra de Nahuel Pérez, titulado superior en técnicas escultóricas pola Escola Mestre Mateo.

Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Foron avaliados de acordo coas bases por un xurado formado por persoal técnico do ámbito da normalización lingüística, da comunicación e da investigación sociolingüística, composto por Daniel Romero Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Fene, Rosario Pérez Magdalena, técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, Ana Iglesias Álvarez, investigadora e docente na Universidade de Vigo, María Yáñez Anllo, xornalista e directora da revista dixital Vinte, e Anxos Sobriño Pérez, presidenta da CTNL.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Pereira recolleu o premio Mil Primaveras por Youtubeir@s"

O proxecto Youtubeir@s, do que forma parte o Concello de Ames, recibiu o premio Mil Primaveras

Multimedia

  • O proxecto Youtubeir@s, do que forma parte o Concello de Ames, recibiu o premio Mil Primaveras
  • O proxecto Youtubeir@s, do que forma parte o Concello de Ames, recibiu o premio Mil Primaveras
  • O proxecto Youtubeir@s, do que forma parte o Concello de Ames, recibiu o premio Mil Primaveras
  • O proxecto Youtubeir@s, do que forma parte o Concello de Ames, recibiu o premio Mil Primaveras