- Tematica
O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle o próximo venres 21 unha nova foliada con Apego. A partir das 18.00 horas, os asistentes poderán desfrutar dun encontro para coñecerse, compartir, cantar, bailar, aprender cancións galegas, merendar, e sobre todo, pasalo ben. Trátase dunha actividade para familias con nenos e nenas sen límite de idade e require inscrición previa.
O programa Apego organiza neste mes de febreiro unha nova foliada no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Dinamizado por Pablo Díaz e Olga Kirk, este evento é un encontro para coñecerse, compartir, cantar e ir aprendendo unha chea de cantos do noso.
Se algúns dos participantes toca algún instrumento, invítase a levalo á foliada para que ademais de compartir a merenda, tamén se goce de música conxunta dinamizando a tarde.
A actividade, que é de balde, ten prazas limitadas e está destinada a familias con nenos e nenas sen límite de idade. Para formalizar as inscricións é necesario enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal co nome e apelidos das persoas participantes, idades e un teléfono de contacto. O prazo para facelo remata o próximo xoves 20 de febreiro.
O programa Apego
Apego é un programa colectivo de varios concellos que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, así como axudar á socialización en galego das crianzas.
O programa Apego ofrece información, recursos (tanto virtuais como físicos) e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas como para os e as profesionais. Os destinatarios son familias empadroadas en Ames que agarden un bebé ou teñan crianzas de 0 a 6 anos.