Pestanas principais

O punto de información turística do Milladoiro atendeu durante o verán a máis de 600 persoas

Martes, 17 de setembro de 2024

O pasado sábado pechou o punto de atención ao peregrino e de información turística do Milladoiro. Dende o 15 de xuño ata o 14 de setembro atendéronse un total de 606 persoas. Deste xeito, incrementouse en 351 os usuarios/as de dito punto informativo respecto de 2023. Isto representa un aumento do 138%. Este servizo préstase por segundo ano consecutivo e xorde da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. Como novidade, este ano o servizo contou con dúas localizacións: o vestíbulo da Casa da Cultura do Milladoiro e a caseta situada a carón da área de autocaravanas. O perfil medio do/a usuario/a atendido/a foi unha muller adulta, española e peregrina.

O alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García, e mailo concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural e Patrimonio, Javier Antelo, visitaron a semana pasada o punto de atención ao peregrino e de información turística que estivo operativo dende o pasado 15 de xuño no Milladoiro. O rexedor municipal e mailo concelleiro estiveron acompañado pola técnica municipal de Turismo, Sonia Moure; a ecónoma da Asociación e xerente do Albergue do Milladoiro, Eugenia González; o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo; Enrique Repiso Pacheco; e mailos mozos que atenden dito punto informativo: Daniel Lorenzo Estévez e Antonio Llecha.

O alcalde e concelleiro de Turismo, Blas García, "agradeceu non só o traballo da asociación, senón tamén o feito de crear dous novos postos de traballo para xente nova. A duplicidade de espazos foi moi positiva, porque se incrementou notablemente o número de solicitudes de información e de credenciais seladas. Isto indica que debemos continuar este traballo de cara ao ano que ven, seguir apostando por esta oficina, e ver coa asociación a posibilidade de modificar a ubicación e poñela no propio Camiño Portugués".

Por outra banda, o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo; Enrique Repiso Pacheco, indica que “este ano atendéronse máis do dobre das persoas que se recibiron o ano pasado, e o perfil foi distinto, dado que agora hai dous puntos de información. Por exemplo, achegáronse moitos máis peregrinos, especialmente na quenda de mañá”.

Como novidade, este ano o servizo contou con dúas localizacións: o vestíbulo da Casa da Cultura do Milladoiro e a caseta situada a carón da área de autocaravanas. Esta caseta atópase na contorna da Travesía do Porto, por onde discorre o trazado do Camiño Portugués. Ademais, nesa zona atópase o B&B Hotel Santiago Milladoiro, que foi inaugurado recentemente na rúa Palmeiras, no parque empresarial Novo Milladoiro, fronte á cafetería Central, polo que serviu para facilitar información aos turistas que se aloxan en dito hotel.

O obxectivo deste servizo é acoller, prestar atención e facilitar información ás/aos peregrinas/os e ás persoas usuarias do albergue e da área de autocaravanas, así como difundir entre os residentes, visitantes e turistas os servizos e recursos culturais, patrimoniais e turísticos de Ames.

Usuarios atendidos no punto de información
Dende o pasado 15 de xuño ata o 14 de setembro atendéronse un total de 606 persoas. Deste xeito, incrementouse en 351 os usuarios/as de dito punto informativo respecto de 2023. Isto representa un aumento do 138%. Desagregado por meses: en xuño atendéronse 105 persoas, en xullo 200 usuarios/as, en agosto 179 persoas e en setembro 122 usuarios/as.

Os horarios estiveron divididos en dous puntos. De 10:00 a 13:30 horas, o punto de atención situouse no vestíbulo da Casa da Cultura do Milladoiro, co obxectivo de ofrecer unha mellor atención aos peregrinos/as que fan o Camiño Portugués. Xa pola tarde, entre as 16:00 e as 19:30 horas, o servizo trasladouse á caseta situada a carón da área de autocaravanas, para atender as demandas de información das persoas usuarias deste espazo, así como da clientela dos establecementos hoteleiros que se atopan nesta zona.

Tendo en conta a ubicación do punto de información turística: na Casa da Cultura do Milladoiro atendéronse 68 persoas en xuño, 127 en xullo, 118 en agosto e 78 en setembro. Por outra banda, na caseta situada a carón da área de autocaravanas atendéronse 37 persoa en xuño, 73 en xullo, 61 en agosto e 44 en setembro.

Perfís dos usuarios
Os perfís dos usuarios atendidos foi moi diferente dependendo do lugar onde se prestou o servizo. Deste xeito, polas mañás na Casa da Cultura do Milladoiro, o 70% das persoas atendidas foron peregrinos/as, o 20% autocaravanistas e o 10% residentes. Na quenda de tarde, no servizo ofrecido na caseta de Turismo, o 70% dos usuarios atendidos foron autocaravanistas, o 21% peregrinos/as, o 8% residentes e o 1% turistas. Por rango de idade, atendéronse 495 persoas adultas, 67 da terceira idade, 29 mozos/as e 15 nenos/as. O 52% das usuarias foron mulleres, mentres que o 48% do total foron homes.

En canto á información solicitada, o 48% das persoas atendidas solicitaron información sobre os Camiños de Santiago, o 28% sobre o servizo de autobuses, o 9% sobre o concello de Ames, o 7% solicitaron mapas, o 4% información xenérica, o 2% sobre o concello de Santiago de Compostela, e o 2% sobre autocaravanas.

Por outra banda, a procedencias dos usuarios/as foi moi variada. O 61% foron españois, o 11% procedían de Francia, o 6% de Alemaña, outro 6% de Reino Unido, o 5% de Italia, outro 5% do resto da Unión Europea, un 5% máis de América, e un 1% de Asía. O perfil medio do/a usuario/a atendido/a foi unha muller adulta, española e peregrina.

Colaboración con ASCAMPOR
Este punto de información estivo atendido por Daniel Lorenzo Estévez e Antonio Llecha, dous rapaces que participan no programa "Iniciativas sociais no Camiño" da Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo, entidade coa que o Concello de Ames chegou a un acordo o ano pasado para poñer en marcha este punto de información turística e atención ao peregrino.

Esta iniciativa nace froito da colaboración do Concello de Ames coa Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo. ASCAMPOR é unha asociación privada sen ánimo de lucro que fixa os seus obxectivos na divulgación da peregrinación a Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago. Da colaboración da Asociación coa parroquia de San José do Milladoiro na atención aos peregrinos naceu o proxecto social Albergue Milladoiro que se inaugurou o pasado 10 de marzo de 2017.

Esta asociación ten como obxectivos a promoción do Camiño de Santiago e toda a súa contorna como elemento dinamizador dunha acción social, vinculada ás necesidades concretas do territorio; e maila acollida do peregrino. Tendo en conta estes obxectivos desenvolven un proxecto de inclusión social e primeiro emprego, a través do cal puxeron en marcha en 2017 o albergue do Milladoiro e agora o punto de atención ao peregrino e de información turística, en colaboración co Concello de Ames.

Imaxe da visita ao punto de atención ao peregrino e de información turística

Multimedia

  • Imaxe da visita ao punto de atención ao peregrino e de información turística
  • Imaxe da visita ao punto de atención ao peregrino e de información turística
  • Imaxe da visita ao punto de atención ao peregrino e de información turística