Pestanas principais

O Punto Limpo recolleu ao longo do mes de febreiro case 200 unidades de voluminosos

Domingo, 30 de marzo de 2025

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo rexistrou 672 entradas en febreiro. Durante o pasado mes destaca a achega de 184 unidades de voluminosos, 3.034 quilogramos de madeira, 853 unidades de pequenos aparatos eléctricos e electrónicos (PAES) e 2.377 quilogramos de metais. Ademais, o Punto Limpo móbil recibiu 29 entradas. Así mesmo o Punto limpo móbil ampliará os seus servizos, polo que o último sábado de cada mes prestará servizo nas urbanizacións de Aldea Nova, As Mimsoas e Agro do Muíño.

O número de veciñas e veciños que fan uso do Punto Limpo para depositar os seus residuos segue a aumentar, xa que cada vez somos máis conscientes do importante que é reciclar correctamente aqueles refugalos que non se poden depositar nos colectores convencionais.

Deste xeito, o pasado mes de febreiro rexistráronse un total de 672 entradas no servizo municipal a través das cales se achegaron diferentes residuos. Máis concretamente, a veciñanza amesá depositou 853 unidades de pequenos aparatos eléctricos e electrónicos (PAES), 522 quilogramos de plásticos, 28 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 118 quilogramos de roupa, 184 unidades de voluminosos e 17 unidades de pneumáticos usados.

Ademais, rexistrouse a entrada de 1.244 quilogramos de metais, 60 quilogramos de lodos de pintura, 3.034 quilogramos de madeira, 2.377 quilogramos de lixo procedente da construción (formigón, ladrillos e outros), 155 quilogramos de papel e cartón e 39 unidades de aerosois. Cómpre destacar tamén os aceites: 60 litros de aceite usado e 26 litros de aceite vexetal.

Tamén se achegaron  8 unidades de aparatos con CFC, HCFC, HC, NH3 (Aparatos de frío), 1 unidade de envases compostos, 30 quilogramos de envasases baleiros contaminados, 51 unidades de grandes aparatos electrodomésticos (GAES), 89 unidades de monitores e pantallas CRT-R5, 11 unidades de monitores e pantallas (non CRT nin LED), e 73 quilogramos de produtos fotoquímicos.

Horario e teléfono de contacto do Punto Limpo
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí pode achegarse toda a veciñanza de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. Recentemente, ampliou o seu horario, e ofrece os seus servizos de luns a sábado en horario de mañá e de tarde. Así, o Punto Limpo abre de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, seis días á semana. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.

Os voluminosos deben entregarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, e acordar unha data e un lugar para depositalos xunto ao contedor máis próximo e que, posteriormente, sexan recollidos.

Amplicación do servizo do Punto limpo móbil
O servizo do Punto limpo móbil, que encontrou en funcionamento no 2023, ampliará os seus servizos. Deste xeito, o último sábado de cada mes o Punto limpo móbil prestará servizo nas urbanizacións de Aldea Nova, As Mimosas e Agro do Muíño, nos seguintes horarios:

-Urbanización de Aldea Nova: estará diante do Centro de usos múltiples de Aldea Nova, en horario de 11.00 a 11.45 horas.

-Urbanización de Agro do Muíño: estará na dársena de autobuses do CEIP Agro do Muíño, en horario de 12.00 a 12.45 horas.

-Urbanización de As Mimosas: estará na zona da piscina, en horario de 12.55 a 13.30 horas.

O vehículo consta dunha plataforma móbil que se abre en dúas metades deixando un corredor central desde o que se accede aos colectores específicos para cada tipo de residuo. Nel hai un operario para axudar a que todos os residuos se depositen no colector que lles corresponde.

Os residuos que se poden depositar no punto limpo son aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, CD, DVD, disquetes e casetes, cristal, xoguetes, lámpadas e fluorescentes, pequenos electrodomésticos electrónicos (televisores, microondas, ordenadores, etc.), pilas, pinturas e vernices, radiografías, roupa e calzado e teléfonos móbiles.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames amplía o servizo do punto limpo móbil ás urbanizacións Aldea Nova, Agro do Muíño e As Mimosas"

O Punto Limpo recolleu ao longo do mes de febreiro case 200 unidades de voluminosos