Pestanas principais

O Punto Limpo recolleu en 2024 case 11.000 unidades de pequenos aparatos eléctricos e electrónicos

Luns, 13 de xaneiro de 2025

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo rexistrou 8.554 entradas ao longo de todo o ano 2024. Durante o pasado ano destaca a achega de 10.962 unidades de aparatos eléctricos e electrónicos (PAES), 5.728 quilogramos de plásticos e 1.742 quilogramos de envases de papel e cartón. O Punto Limpo, inaugurado en xaneiro de 2007, está situado na rúa das Hedras, no parque empresarial do Milladoiro, e abre de luns a sábado de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

O número de veciñas e veciños que fan uso do Punto Limpo para depositar os seus residuos segue a aumentar ano tras ano, xa que cada vez somos máis conscientes do importante que é reciclar correctamente aqueles refugalos que non se poden depositar nos colectores convencionais.

Deste xeito, o pasado ano 2024 rexistráronse un total de 8.554 entradas no servizo municipal. Máis concretamente, a veciñanza amesá depositou 304 quilogramos de envases baleiros contaminados, 279 quilogramos de envases baleiros de aerosois, 1.232 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 289 unidades de pneumáticos fóra de uso, 88 unidades de absorventes e trapos, 1.081 quilogramos de roupa, 2.501 unidades de voluminosos e 89 quilogramos de envases compostos.

Ademais, rexistrouse a entrada de 32.828 quilogramos de madeira, 13.483 quilogramos de metais, outros 38.367 quilogramos de elementos da construción (formigón, ladrillos e outros), 1.177 quilogramos de restos de pintura, 644 quilogramos de produtos fotoquímicos, 110 unidades de aparatos de frío (con CFC, HCFC, HC E NH3), 686 unidades de grandes aparatos electrodomésticos (GAES), 258 unidades de monitores e pantallas (Non CRT nin LED) e 1.210 unidades de monitores e pantallas CRT-R5. Cómpre destacar tamén os aceites: 957 litros de aceite usado e 496 litros de aceite vexetal.

Horario e teléfono de contacto do Punto Limpo
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí pode achegarse toda a veciñanza de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. Recentemente, ampliou o seu horario, e ofrece os seus servizos de luns a sábado en horario de mañá e de tarde. Así, o Punto Limpo abre de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, seis días á semana. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.

Os voluminosos deben entregarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, e acordar unha data e un lugar para depositalos xunto ao contedor máis próximo e que,posteriormente, sexan recollidos.

Punto limpo móbil
Por outra banda, o pasado mes de abril comezou a funcionar o Punto Limpo móbil. Trátase dun vehículo adaptado que percorre os diferentes lugares e parroquias de Ames, cuns horarios e puntos prefixados, normalmente ao carón das Casas da Cultura ou locais sociais de cada parroquia, co obxectivo de que a veciñanza poida depositar os pequenos residuos domésticos para os que non existen colectores na vía pública.

O vehículo consta dunha plataforma móbil que se abre en dúas metades deixando un corredor central desde o que se accede aos colectores específicos para cada tipo de residuo. Nel hai un operario para axudar a que todos os residuos se depositen no colector que lles corresponde.

Os residuos que se poden depositar no punto limpo son aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, CD, DVD, disquetes e casetes, cristal, xoguetes, lámpadas e fluorescentes, pequenos electrodomésticos electrónicos (televisores, microondas, ordenadores, etc.), pilas, pinturas e vernices, radiografías, roupa e calzado e teléfonos móbiles.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El punto limpio de O Milladoiro recibió 11.000 pequeños aparatos en el 2024"

O Punto Limpo recolleu en 2024 case 11.000 unidades de pequenos aparatos eléctricos e electrónicos