- Tematica
O centro de depósito de residuos do Punto Limpo rexistrou 643 entradas en decembro de 2023. Durante o pasado mes destaca a achega de 2.251 quilogramos de lixo electrónico, 120 quilogramos de envases vacíos contaminados e 160 quilogramos de pinturas. O Punto Limpo, inaugurado en xaneiro de 2007, está situado na rúa das Hedras, no parque empresarial do Milladoiro, e abre de luns a sábado de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
O número de veciñas e veciños que fan uso do Punto Limpo para depositar os seus residuos segue a aumentar, xa que cada vez somos máis conscientes do importante que é reciclar correctamente aqueles refugalos que non se poden depositar nos colectores convencionais.
Deste xeito, o pasado mes de novembro rexistráronse un total de 643 entradas no servizo municipal. Máis concretamente, a veciñanza amesá depositou 2.251 quilogramos de equipos eléctricos e electrónicos, 120 quilogramos (3 metros cúbicos) de envases baleiros contaminados, 67 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 450 quilogramos de pneumáticos fóra de uso (33 unidades), 48 quilogramos de baterías de chumbo (3 unidades), 6 metros cúbicos de roupa, 100 metros cúbicos de voluminosos e 11 quilogramos de pilas (arredor de 440 unidades).
Ademais, rexistrouse a entrada de 20 metros cúbicos de escombro, 30 metros cúbicos de plásticos, outros 30 metros cúbicos de metais, 160 quilogramos de pintura, 100 metros cúbicos de madeira, 9 metros cúbicos de papel e 41 unidades de aerosois. Cómpre destacar tamén os aceites: 75 litros de aceite de motor e 92 litros de aceite vexetal.
Horario e teléfono de contacto do Punto Limpo
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí pode achegarse toda a veciñanza de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. Recentemente, ampliou o seu horario, e ofrece os seus servizos de luns a sábado en horario de mañá e de tarde. Así, o Punto Limpo abre de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, seis días á semana. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.
Os voluminosos deben entregarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, e acordar unha data e un lugar para depositalos xunto ao contedor máis próximo e que,posteriormente, sexan recollidos.
Punto limpo móbil
Por outra banda, o pasado mes de abril comezou a funcionar o Punto Limpo móbil. Trátase dun vehículo adaptado que percorre os diferentes lugares e parroquias de Ames, cuns horarios e puntos prefixados, normalmente ao carón das Casas da Cultura ou locais sociais de cada parroquia, co obxectivo de que a veciñanza poida depositar os pequenos residuos domésticos para os que non existen colectores na vía pública.
O vehículo consta dunha plataforma móbil que se abre en dúas metades deixando un corredor central desde o que se accede aos colectores específicos para cada tipo de residuo. Nel hai un operario para axudar a que todos os residuos se depositen no colector que lles corresponde.
Os residuos que se poden depositar no punto limpo son aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, CD, DVD, disquetes e casetes, cristal, xoguetes, lámpadas e fluorescentes, pequenos electrodomésticos electrónicos (televisores, microondas, ordenadores, etc.), pilas, pinturas e vernices, radiografías, roupa e calzado e teléfonos móbiles.