Pestanas principais

O Servizo de Atención Temperá de Teo e Ames acada os 110 casos atendidos durante o seu primeiro ano de funcionamento e reforza o seu servizo

Sábado, 18 de febreiro de 2023

Os Concellos de Teo e Ames prestan conxuntamente o Servizo de Atención Temperá dende novembro do 2021. Rematado o primeiro ano de funcionamento xa se acadan os 110 casos vinculados ao servizo. A valoración da actividade deste servizo é moi positiva entre as familias beneficiarias, outorgando unha puntuación global media do servizo de 4,82 sobre 5 puntos. O servizo do SAT reforzará a atención aos menores coa incorporación dunha cuarta profesional ao equipo que a partir deste mes de febreiro estará conformado por un psicólogo, unha terapeuta ocupacional, e dúas logopedas, unha delas a xornada parcial.

Para poder dar continuidade ao mesmo os Concellos implicados acordaron prorrogar o convenio asinado no seu día e presentaron unha nova solicitude conxunta á subvención que convocou a Consellería de Política Social e Xuventude para o mantemento destes dispositivos.

O resultado foi favorable, segundo se puido coñecer recentemente a través da resolución de concesión publicada no DOG cun importe total para as anualidades do 2023 e 2024 de 273.638,43 euros. Deste xeito o SAT dos concellos de Teo e Ames poderán reforzar a atención aos menores coa incorporación dunha cuarta profesional ao equipo, que xa se incorporou esta semana , polo que a partir deste mes de febreiro estará conformado por un psicólogo, unha terapeuta ocupacional, e dúas logopedas, unha delas a xornada parcial.

Este reforzo profesional permitirá atender con maior axilidade ás nenas e nenos entre 0 e 6 anos que presentan algunha dificultade no seu desenvolvemento, particularmente na área da linguaxe e comunicación na que se estaba a concentrar a maior demanda de atencións.

Funcionamento do servizo
O local do SAT está na Travesía das Galanas, número 67, primeiro andar. O servizo funciona os luns, martes e xoves, de 9:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 19:00 horas. Os mércores funciona de 9:00 a 19:00 horas e os venres de 8:00 a 14:30 horas. Trátase dun punto que malia estar no termo municipal de Teo é próximo e de acceso rápido aos dous núcleos de maior poboación de Ames, en especial ao Milladoiro.

O novo local conta con tres grandes espazos diferenciados, cunha sala para a terapia ocupacional e dous despachos, dedicados á logopedia e á psicoloxía. Actualmente, neste servizo aténdese a 30 nenos e nenas de Teo e a 41 rapaces e rapazas de Ames. Para ser usuario/a deste servizo hai que solicitalo a través dos servizos sociais comunitarios de cada Concello.

Modelo baseado na prevención
Este servizo é fundamental para actuar sobre os trastornos que poden sufrir no desenvolvemento os nenos/as de 0 a 6 anos. É un modelo baseado na prevención, na identificación e no tratamento precoz e facilita aos pequenos ferramentas para gañar autonomía desde a infancia.

O SAT constitúe unha extensión das atencións prestadas polos servizos sociais municipais, se ben o acceso a este require a prescrición da atención polos servizos de pediatría comunitaria ou hospitalaria. O equipo do servizo está a disposición de particulares, entidades e profesionais para a orientación ante calquera necesidade de información sobre as súas opcións de intervención.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explica que “o SAT é un servizo moi necesario para o noso Concello como así o demostra a gran demanda que temos. Un exemplo de colaboración institucional a dous niveis, vertical e horizontal que nos permite prestar este servizo dende a proximidade e cunha maior eficiencia e eficacia xa que nos permite unha maior e mellor coordinación tanto cos servizos de pediatría como cos centros escolares e o monitorado dos comedores escolares, de ser o caso, traballando todos coas mesmas pautas e nas mesmas liñas”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A Atención Temperá de Teo e Ames afrontou 110 casos nun ano de funcionamento"

O Servizo de Atención Temperá de Teo e Ames acada os 110 casos atendidos durante o seu primeiro ano de funcionamento e reforza o seu servizo

Multimedia

  • O Servizo de Atención Temperá de Teo e Ames acada os 110 casos atendidos durante o seu primeiro ano de funcionamento e reforza o seu servizo
  • O Servizo de Atención Temperá de Teo e Ames acada os 110 casos atendidos durante o seu primeiro ano de funcionamento e reforza o seu servizo