- Tematica
1.300 papeletas repartiron as bibliotecas municipais de Ames entre cinco librarías de Milladoiro e Bertamiráns para que os seus clientes opten a participar nun sorteo de 40 premios de 25 euros que poderán trocar por libros. A actividade está tendo unha gran acollida entre a veciñanza amesá e valorase moi positivamente por parte dos libreiros/as. O sorteo, que da continuidade ao xa celebrado no Nadal, forma parte do conxunto de accións que as bibliotecas de Ames están levando a cabo este mes de abril para celebrar o “Mes do libro en Ames” e que inclúen obradoiros, presentacións e un concurso de debuxo.
O sorteo de libros continúa a iniciativa comezada no Nadal e que tamén tivo unha moi boa aceptación entre os veciños e veciñas de Ames. A concellaría de Cultura, a través das Bibliotecas de Ames, realiza este sorteo na procura de varios obxectivos, tal e como nos conta a concelleira, Natividade González: “Queremos axudar ás librarías incentivando a venda de libros; tamén queremos atraer novos públicos e xente doutras localidades ao comercio de Ames; e non podemos esquecer o obxectivo principal das bibliotecas que é o fomento da lectura”. A concelleira engade asemade a boa acollida que está tendo o sorteo entre a clientela e os/as profesionais do libro de Ames: “Algúns libreiros pedíronnos máis bonos porque xa esgotaran os que lles entregaramos e todos manifestaron que notaran nas súas vendas a influencia da iniciativa”.
Nesta ocasión participan na acción 5 establecementos: 3 en Bertamiráns (Libraría Lenda, Libraría Máinomen e ibraría Huargo Artis) e 2 no Milladoiro (Libraría-Papelería O Tinteiro e Libraría-Papelería Nenos e Nais). O sorteo desenvolverase en cada unha das librerías que entregará 8 premios.
Repartíronse 1.300 papeletas entre os 5 establecementos participantes. Incrementouse o número de papeletas respecto ao Nadal no que se repartiran 1.000. Hai que ter en conta que desta vez o período de participación é maior xa que se poden conseguir papeletas polas compras de libros realizadas entre o 1 e o 24 de abril.
O premio é único e só pode entregarse un premio por persoa. O sorteo realizarase por librarías e en cada unha entregaranse 8 premios, As persoas premiadas poderán trocar o premio de 25 euros por libros na libraría que lle corresponda.
Este período do sorteo en Abril coincide co cambio de trimestre escolar e coas recomendacións de novas lecturas. É así que moitos clientes aproveitan o sorteo para poder comprar esas lecturas escolares aproveitándose da posibilidade de poder resultar agraciados ou agraciadas con un dos 40 premios de 25€ en libros que están en xogo.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Leer tiene premio: sorteo de bonos en cinco librerías"