[16-07-2016] O goberno de Ames acaba de remitirlle ao Sergas unha copia da recente sentenza a favor do Concello que aproba definitivamente o proxecto de compensación do S-15. No pasado mes de febreiro o Concello de Ames apelou a decisión do xulgado número 1 de Santiago de Compostela, no que se estimaba o recurso dun particular contra o proxecto de compensación do S-15, aprobado inicialmente hai nove anos. O Tribunal Superior de Xustiza emitiu agora unha sentencia a favor do Concello sen posibilidade de recurso ordinario algún. Neste sector do Milladoiro é onde se prevé a construción do futuro centro de saúde no que o goberno municipal segue a traballar.
O goberno congratúlase desta boa nova e o alcalde de Ames, José Miñones, espera “que o contencioso aberto vía xudicial sobre o plan parcial, e que está pendente de resolución no mesmo Tribunal Superior de Xustiza, continúe na mesma liña deixando aprobado definitivamente este longo proceso xudicial. Dende o goberno seguimos traballando para que o antes posible poidan comezar as obras deste centro de saúde, que está comprometido por parte da Xunta de Galicia”.
No actual S-15 sitúase a parcela DP2, de 5.000 metros cadrados, que foi cedida á Xunta de Galicia para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro. O goberno leva traballando dende a súa chegada por desbloquear a situación administrativa e xurídica desta parcela de cara a conseguir a construción do demandado centro. Así, no pasado ano 2015 solicitóuselle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informe favorable para a construción da infraestrutura sanitaria, recibindo no mes de febreiro do presente ano o visto bo do ente autonómico. De seguido, o rexedor municipal envioulle un escrito á Consellería de Sanidade, axuntando os informes da arquitecta e do asesor xurídico xunto co de Patrimonio solicitando o inicio do procedemento urbanístico.
Paralelamente a estas xestións, o ente municipal está a ter reunións co propietario maioritario da xunta de compensación, e propietario das tres parcelas que conforman a actual DP2, onde se situará o futuro centro de saúde. O obxectivo destas xuntanzas é conseguir, por un lado, a sinatura dun convenio de cesión anticipada da parcela do centro de saúde que permita unha maior garantía xurídica no suposto de sentenza desfavorable do plan parcial, e por outro, a presentación do proxecto de urbanización que permita o inicio dos trámites para a obtención da licencia de construción. Nesta mesma semana o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo, Blas García, e maila arquitecta municipal reuníronse co representante xurídico de cara a avanzar no texto definitivo do convenio de cesión.
Convenio co Sergas
A folla de ruta marcada inicialmente polo goberno amesán incluía a sinatura dun convenio co Sergas onde se recollan os compromisos a realizar por ambas administración. No pasado mes de maio a Xunta de Galicia remitiulle un borrador de convenio ao Concello, que foi estudado polos departamentos xurídico, urbanístico e económico. Neste convenio establécense as cláusulas para establecer a colaboración entre o Concello de Ames e o Servizo Galego de Saúde para a construción do novo centro de saúde de Milladoiro.
Unha vez estudado, o Concello incluíu varias modificacións sobre o borrador de convenio, incorporando certos apuntes referentes ás taxas e bonificacións fiscais, así como ás datas de construción. Dende entón estableceuse unha canle de comunicación entre ambas administracións co traslado de diferente documentación.
Finalmente, o rexedor municipal afirma que “temos a esperanza de que en breve podamos asinar estes dous convenios que permitan pór en marcha o proceso de licitación do centro de saúde do Milladoiro, e conseguir así, o desbloqueo final desta importante demanda, pero queremos ser cautos e seguir dando os pasos correctos para elo”.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "El TSXG falla a favor de Ames por la parcela del ambulatorio"
La Voz de Galicia: "El TSXG tumba un recurso que paralizaba el proyecto del centro de salud de Milladoiro"