Pestanas principais

O trimestre outonal ofrece máis de noventa actividades culturais e de ocio á veciñanza amesá

Martes, 18 de outubro de 2016

[18-10-2016] Os meses de outono chegan cargados de actividades: case 90 obradoiros, charlas, espectáculos, pezas de teatro e festas sucederanse entre outubro, novembro e decembro. As distintas concellarías de Ames únense nunha ampla programación con espazo para todas as idades e, en moitos dos casos, gratuítas. Dous circuítos de teatro, un profesional e outro afeccionado, sesións de contacontos, obradoiros da Aula da Natureza e cursos para a mocidade forman parte desta oferta outonal, na que non faltan a festa do Magosto ou o festival de Maxia de Ames.

As entradas para as obras e representacións nos auditorios municipais poderán mercarse na Billeteira electrónica municipal ou no despacho de billetes dos auditorios unha hora antes do comezo de cada función. As sesións de contacontos son de balde e de entrada libre, e todas elas comezan ás 18:00 horas nalgunha das bibliotecas municipais. Para certas acthttp://www.concellodeames.gal/control/index.phpividades será precisa a inscrición, que se pode realizar -para as da Aula da Natureza- chamando ao 660 004 665 ou no enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal, ou -no caso da OMIX- chamando ao 616 083 229 ou enviando un correo a omix@concellodeames.gal. Na páxina web municipal publicarase información máis detallada acerca da oferta cultural e de ocio do municipio de Ames.

Algunhas das actividades do mes de outubro xa están en marcha, pero aínda restan moitas para as que os prazos de inscrición ou a data na que terán lugar están por chegar. Entre elas as sesións de contacontos dos días 19, na biblioteca municipal de Bertamiráns, e 20, na do Milladoiro. Comezan, como case todos as sesións deste tipo, ás 18:00 horas e son de balde. Esta fin de semana chega con dúas representacións teatrais; unha o venres 21, “Foucellas” de Talía Teatro, no auditorio municipal do Milladoiro, e outra o sábado 22, “Cling” do grupo de teatro afeccionado Trécola Teatro, no auditorio municipal de Bertamiráns, ás 18:00 horas. Ademais, este sábado, 22 de outubro, ás 12:00 horas, comeza o obradoiro infantil “Hortas divertidas”, para o que é preciso inscribirse na Aula da Natureza.

O domingo, 23 de outubro, celebrarase o principal evento deportivo do outono: a XVII Carreira Pedestre Popular Concello de Ames. A derradeira semana de outubro despídese con dúas obras de teatro “Encontros” de The Puntillas Teatro, o venres 28 no auditorio de Bertamiráns ás 21:00 horas; e “Misterios” da compañía afeccionada O aturuxo de Melpómene no auditorio municipal do Milladoiro, o sábado 29 ás 18:00 horas. Ademais o sábado tamén terán lugar dous cursos da Aula da Natureza, un de iniciación á fotografía natural pola mañá, dirixido a un público adulto, e outro, “Eu guísoo eu cómoo, Naturalmente”, para nenas e nenos de 6 a 12 anos pola tarde.

Obradoiros, charlas, festa do Magosto e moita maxia en novembro
O mes de novembro comeza, como o anterior, con dúas sesións de contacontos: a primeira na biblioteca de Bertamiráns, o mércores 2, e a segunda na do Milladoiro, o xoves 3. Esa mesma semana a compañía Ghazafellos presenta a obra “Rubicundo”, o venres 4 no auditorio do Milladoiro, e a compañía Fanfarra Teatro a peza “O soñador de historias”, o sábado 5 ás 18:00 horas no de Bertamiráns. Ese mesmo sábado a Aula da Natureza acolle unha das clases do curso de fruticultura, pola mañá, e un obradoiro sobre o cultivo de cogomelos pola tarde, ambas dirixidas ao público adulto e con límite de prazas. Ademais o centro de formación de Aldea Nova acolle o curso gratuíto de dinamización de eventos infantís, tamén con límite de prazas e para persoas a partir de 18 anos. Esta primeira semana remata o domingo coa clase de iniciación á fotografía da natureza, que volve acoller a Aula.

O venres 11 a compañía Chévere presenta “Eroski Paraíso” no auditorio de Bertamiráns ás 21:00 horas. O sábado pola mañá haberá unha saída micolóxica, organizada pola Aula da Natureza, que precederá á celebración da festa do Magosto na praza de Chavián con castañas e bolos preñados. O mércores 16, a biblioteca do Milladoiro, e o xoves 17 a de Bertamiráns, acollen dúas novas sesións de contacontos. O venres 18 Produción Teatrais Excéntricas representará no Milladoiro, ás 21:00 horas, “Os amores de Jacques o Fatalista”. Ese mesmo día Manuel Núñez Singala ofrecerá a charla “Os/as nenos/as e a lingua, unha oportunidade” no centro sociocultural do Milladoiro, ás 18:30 horas.

O sábado 19 terán lugar sesións dos obradoiros “Eu guísoo eu cómoo, Naturalmente!” e do curso de fruticultura na Aula da Natureza. Pola noite, ás 20:00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns, acolle o concerto de Corais. O penúltimo fin de semana de novembro chega unha nova edición do Festival de Maxia. O venres, para abrir o apetito, no centro sociocultural de Bertamiráns terá lugar un espectáculo de maxia infantil a partir das 18:30 horas. O sábado, tamén en Bertamiráns, e o domingo, no Milladoiro desenvolverase este festival cuxa programación será publicada proximamente na web municipal. O sábado 26 organizarase, de novo, o obradoiro “Hortas divertidas”. O domingo a Aula da Natureza levará a cabo un paseo ornitolóxico. Por último, o mércores 30, remata a programación de novembro cunha sesión de contacontos en Bertamiráns.

Actividades do mes de decembro
Na primeira semana de decembro terá lugar unha sesión de contacontos, o xoves 1, na biblioteca do Milladoiro. O venres 2, ás 21:00 horas, producirase a estrea da obra “As suplicantes” do grupo municipal de teatro de Ames en Bertamiráns. Para o sábado 3 queda o obradoiro de cociñado e conserva de cogomelos e un curso de fruticultura na Aula da Natureza. O sábado 10 este espazo ofrece un obradoiro de kokedamas pola tarde. Outras sesións de contacontos organizaranse o mércores 14, no Milladoiro, e o xoves 15 en Bertamiráns.

O venres 16 a compañía Redrum Teatro presentará, abrindo boca de cara ás vacacións de Nadal, a obra “Noite boa” no Milladoiro ás 21:00 horas. O sábado 18 o auditorio do Milladoiro acollerá o tradicional concerto de Nadal a partir das 20:00. Ese mesmo día terá lugar outra sesión do curso de fruticultura, pola mañá, na Aula da Natureza, e outra de “Hortas divertidas” en Bertamiráns. Pola tarde a aula acolle o obradoiro “Constrúe o teu propio microscopio electrónico”, para mozos e mozas a partir de 12 anos.

O venres 23 na Casa da Cultura do Milladoiro a OMIX organiza o obradoiro de deseño e impresión 3D. O luns 18 no auditorio do Milladoiro Educa Teatro representará a súa versión da “Carapuchiña” ás 17:00 horas. O martes o espectáculo Up2Down trasladarase a Bertamiráns ás 17:00 horas. O xoves, Luís Vallevillo e a Banda do Cuberto ofrecerán un concerto para todos os públicos no Milladoiro, a partir das 17:00 horas. Ese día ademais a OMIX de Ames fai un obradoiro de electrónica para mozas e mozos na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La oferta cultural y deportiva del trimestre del otoño de Ames roza el centenar de propuestas"