Pestanas principais

O Trouleando prepara para este febreiro unha tarde de paintball

Luns, 14 de febreiro de 2022

O programa Trouleando da Concellaría de Mocidade de Ames volve en febreiro, cunha saída ao campo de paintball do Eo dos Menecos, en Teo. Será na tarde do sábado 26 de febreiro, das 16:00 ás 19:00 horas, con servizo de autobús dende Bertamiráns e o Milladoiro. Para inscribirse, cómpre enviar esta ficha de inscrición cumprimentada ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal, entre o martes 15 e o venres 18 de febreiro.

O Trouleando continúa en febreiro cunha tarde no campo de paintball do Eo dos Menecos, situado en Oza, Teo. Alí, a mocidade poderá gozar dunha actividade en equipo, que combina exercicio, estratexia, contacto coa natureza e moita adrenalina. Ao longo da xornada formaranse varios equipos, que deberán eliminar aos compañeiros e compañeiras dos demais conxuntos, empregando as marcadoras de aire comprimido que disparan bólas de pintura biodegradables.

Para a práctica segura da actividade, os mozos e mozas recibirán as instrucións do persoal especializado do campo de paintball, que mostrará como manexar o material, as regras de xogo e as medidas de seguridade a ter en conta. Haberá dous grupos de idade, xa que o paintball con marcadores de aire comprimido só está autorizado para a mocidade a partir dos 14 anos, polo que os rapaces e rapaces de 12 e 13 anos só poderán empregar marcadores infantís.

Dende a OMIX recordan que as persoas que se inscriban nesta proposta deberán ir provistos dunha toalla, roupa cómoda e zapatillas que se poidan manchar. A organización tamén recomenda levar calzado e roupa de reposto, co fin de cambiar as prendas que queden manchadas pola pintura.

Na saída ao campo de paintball poderá participar a mocidade empadroada no concello de Ames a partir dos 12 anos (persoas nadas no 2009). Ademais, haberá autobuses dende os dous núcleos urbanos principais do concello para desprazarse ata Teo. O transporte sairá do Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 15:00 horas e volverá ás 19:45 horas. Pola súa banda, os horarios de ida e volta dende a Casa da Cultura do Milladoiro serán as 15:15 e as 19:30 horas.

Será preciso contar cun mínimo de 15 mozas e mozos para desenvolver a proposta. En caso contrario, o Concello de Ames poderá anular a actividade.

Para calquera dúbida, pódese contactar coa Oficina Municipal de Información Xuvenil, a OMIX, no correo electrónico omix@concellodeames.gal.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "A mocidade de Trouleando poderá probar co paintball"

O Trouleando prepara para este febreiro unha tarde de paintball

Multimedia

  • O Trouleando prepara para este febreiro unha tarde de paintball