Pestanas principais

O VII Campus de Fútbol organizado polo Bertamiráns FC incluirá a realización de xogos populares

Mércores, 02 de maio de 2018

[02-05-2018] O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este mércores, 2 de maio, a presentación da sétima edición do Campus de Fútbol do Bertamiráns FC. A presentación correu a cargo do alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, do presidente do equipo aurinegro, Rafael Budiño, e máis do secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas. A iniciativa, que conta co patrocinio do Concello de Ames, está dirixida a nenas e nenos de entre 5 e 14 anos. O Campus desenvolverase nas instalacións do campo de fútbol municipal de Bertamiráns, entre o 25 e o 29 de xuño, en horario de 09:00h a 14:30 horas. Como novidade deste ano, incluirase a realización de xogos populares. Toda a información sobre o custo, os descontos aplicables e os impresos de inscrición pódese atopar na páxina web do club amesán www.bertamiransfc.com, así como no seu perfil de Twitter.

O VII Campus de Fútbol BFC celebrarase entre o 25 e o 29 de xuño, en horario de 09:00h a 14:30 horas, no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. Dirixido a nenas e nenos que teñan entre 5 e 14 anos, o Campus dividirá ás crianzas participantes en grupos organizados por idades. Así mesmo, o Campus incluirá o desenvolvemento dun traballo específico para porteiros e doutro para xogadores de campo divididos por defensas, medios e dianteiros.

Malia isto, todas e todos os participantes traballarán de xeito individual tanto o aspecto táctico como o apartado técnico, coa abordaxe de diversos aspectos do xogo (condución, control, pase, caneos, desmarques, entradas, marcaxes...), a visualización de vídeos e a posta en práctica de todo o aprendido a través da participación en diferentes competicións. Este aspecto formativo combinarase con diversas actividades de lecer como a piscina ou a realización de xogos populares, a grande novidade deste ano. Os impresos de inscrición pódense obter nas oficinas do club e na Casa do Concello. Tamén se poden descargar na páxina web do club amesán www.bertamiransfc.com.

Durante a presentación, o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, quixo agradecer ao club aurinegro o seu compromiso co deporte de base, así como a súa aberta disposición a colaborar co Concello na organización de diferentes eventos deportivos: “Este mércores facemos unha nova convocatoria deportiva coa presentación da sétima edición do Campus de Fútbol Bertamiráns FC; unha iniciativa que, ademais de ser unha alternativa de ocio para as nenas e nenos amesáns, tamén supón un servizo de conciliación para as familias do concello. O Campus do BFC súmase así a oferta de campamentos de verán e campus deportivos ofertados en Ames para as máis cativas e cativos durante os meses de verán”.

O secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas, apuntou asemade á elevada participación que se espera para esta sétima edición do campus: “Neste 2018, agardamos superar a afluencia do ano pasado, que foi récord, coa participación de 102 nenas e nenos. Desde o Club temos unhas expectativas positivas, xa que ano tras ano o Campus goza dunha maior aceptación entre as nenas e nenos do propio club e mesmo doutros da contorna”. Á presentación tamén asistiu o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño. 

Consello consultivo deportivo
Por outra banda, Miñones aproveitou este acto para dicir que esta semana vaise convocar o Consello consultivo deportivo, para falar do peche dos pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro durante os meses de xullo e agosto, debido ao cambio do pavimento destas instalación deportivas. Segundo indicou o rexedor e concelleiro de Deportes a idea é poder facer as obras durante eses dous meses para que no mes de setembro estean rematadas de cara ao inicio das actividades das Escolas deportivas. “Estas circunstancia vai propiciar que algunhas das actividades que se viñan desenvolvendo nos pavillóns durante o verán non se poidan realizar nestas instalacións. Haberá que buscar unha solución”, apuntou Miñones.


Contido relacionado


Lindeiros: "Presentado o VII Campus de Fútbol que organiza o Bertamiráns FC"