Pestanas principais

O VII Encontro de bolillos e labores artesanais contará este domingo con 326 artesás e artesáns no Milladoiro

Venres, 03 de xuño de 2016

[03-06-2016] Este domingo a Asociación A Silva, coa colaboración do Concello de Ames, organiza o VII Encontro de bolillos e labores artesanais. Comezará ás 10:00 horas no pavillón municipal do Milladoiro e rematará ás 19:00 horas. Este ano participan 326 persoas chegadas de distintos puntos de Galicia.

O Encontro de bolillos e labores artesanais que acolle o concello de Ames medra ano tras ano. A mostra é o crecemento no número de participantes: se o ano pasado inscribíanse case 220 persoas neste farano 326. Os artesáns e as artesás que se achegan este domingo ao Milladoiro traballan e practican distintas labores artesanais, non só encaixe de bolillos senón tamén macramé, creacións en coiro ou xoiería. Ademais de persoas de toda Galicia participará, indican dende a asociación, “un pequeno grupo que ven dende Cantabria”.

O pavillón do Milladoiro abre as súas portas ás 10:00 horas. Colocaranse mesas ao longo do pavillón onde os e as participantes exporán unha mostra das súas labores e traballo. Entre as 14:00 e as 16:00 horas farase unha pausa para o xantar e as portas reabriranse ata as 19:00 horas. A asociación A Silva convida a toda aquela persoa interesada a achegarse, tanto a participar como a observar as mostras e exposicións. Os e as artesás “poden tanto traballar nos seus postos, de forma que as persoas visitantes vexan como o fan, como pasear polo recinto para intercambiar coñecementos e experiencias e ver o xeito de traballar que teñen outras persoas”.

Unha das membros da Asociación A Silva foi a encargada de deseñar o cartel deste VII encontro, e as mans das súas compañeiras de facelo realidade. Elas fixeron o encaixe que da forma as cunchas de cores do cartel. A principal actividade da asociación está dirixida á aprendizaxe e difusión do encaixe de bolillos, aínda que ofrece distintos cursos e obradoiros ás persoas membros, como un que están a realizar actualmente sobre agremáns: “os adornos que decoran os traxes tradicionais galegos.

Para dispor de máis información sobre este evento poden chamar aos números de teléfono 607 769 830 ou 881 972 586. Tamén poden enviar un correo electrónico ao enderezo asociacionasilva@gmail.com.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Casi 400 palilleiras de todas las edades se citan en Milladoiro"