- Tematica
O Concello de Ames recibiu esta semana a notificación da Xunta de Galicia de que o vindeiro mércores, 23 de decembro, entran en funcionamento as novas liñas incluídas no novo contrato de transporte metropolitano que vén de asinar a Consellería de Infraestruturas. Estas melloras son froito das alegacións presentadas polo Concello de Ames no pasado mes de agosto de 2019 ao anteproxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estradas. A ampliación de servizos afectan a distintas rutas: incremento do horario de prestación dos servizos na primeira e/ou última hora en certas liñas; aumento dos servizos en fin de semana; implantación de novas expedicións en certas franxas horarias; inversión no sentido dunha liña, para adaptar mellor ás necesidades das persoas usuarias á primeira e última expedición do día, e creación dunha liña de Noitebús que conecte Bertamiráns e O Milladoiro con Santiago. Ademais, o Concello de Ames está inmerso na elaboración do Plan de Mobilidade Urbano Saudable e Sostible (PMUSS).
Un dos proxectos de colaboración que se recolle dentro do PMUSS é o do transporte metropolitano entre Ames e Santiago de Compostela. Entre os anos 2008 e 2019 a poboación do Concello de Ames incrementouse en 6.372 habitantes, o que supón un 24,5% aproximadamente. A maioría desta poboación está a elixir os núcleos urbanos como lugar de implantación, e nalgúns casos importantes, os xa denominados periurbanos que rodean a Bertamiráns e O Milladoiro. Dentro desta poboación, Ames destaca por ser o concello máis novo de toda Galicia, cunha media de idade de 38 anos e un perfil xoven que demanda un transporte eficiente.
Debido a iso é moi necesario mellorar a conexión do concello de Ames cos concellos da contorna, especificamente co concello de Santiago de Compostela. Para iso o Concello de Ames presentou alegacións, no pasado mes de agosto de 2019, ao anteproxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estradas. Ditas alegacións foron aceptadas por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
Unha vez asinado o novo contrato de transporte metropolitano, a Xunta de Galicia, vén de notificarlle ao Concello de Ames, que o vindeiro mércores, 23 de decembro entran en funcionamento as novas liñas incluídas no novo contrato de transporte metropolitano. Preme nesta ligazón para descargar o PDF cos horarios das liñas do servizo de transporte metropolitano de Ames que está dispoñible na web bus.gal. Dende a Concellaría de Mobilidade estase traballando nunha campaña informativa específica sobre os horarios das liñas de transporte metropolitano do concello de Ames. Proximamente darase a coñecer dita información.
Novas liñas que entran en funcionamento:
-Liña de Bertamiráns (amplíase a frecuencia de primeira e última hora e maila creación de novas frecuencias en sábados e domingos).
-Ampliación ata as 23:30 horas da ruta de Firmistáns.
-Liña do Milladoiro (amplíase a frecuencia de primeira e última hora e implántanse frecuencias cada 15 minutos polas tardes).
-Polígono do Milladoiro - Bertamiráns (amplíase a frecuencia aos sábados e mellóranse os horarios de mañá, tarde e mediodía).
-Liñas As Viñas - Santiago (invírtese a ruta da primeira frecuencia para acadar a conectividade co parque empresarial do Milladoiro á primeira e última hora).
-Creación de liñas nocturnas “Noitebus” para os fins de semana que pasan por Bertamiráns e O Milladoiro. Establécense tres liñas de Noitebús con parada en Bertamiráns e unha liña Noitebús con parada no Milladoiro.
A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, mostra a súa satisfacción pola entrada en funcionamento das novas liñas despois das alegacións presentadas, e destaca que “no novo servizo público de transporte metropolitano recóllense moitas das demandas que fixeron os veciños e veciñas de Ames. Son demandas coherentes, polo que éramos positivos á hora de pensar que se podían incluír no novo contrato”.
O alcalde de Ames, Jose Miñones, explica que “os pasos que estamos a dar en materia de mobilidade son os máis importantes dos últimos anos. Conseguir a mellora de liñas, paradas e horarios no transporte metropolitano, permitirá un gran avance, moi demandado pola veciñanza”.
Plan de mobilidade integral municipal
Por outra banda, cómpre lembrar que o Concello de Ames que está inmerso na elaboración dun plan de mobilidade integral municipal sostible que servirá de guía para levar a cabo actuacións en materia de mellora do espazo público, medio ambiente, mobilidade e accesibilidade a realizar no futuro neste municipio. O contrato de dito plan está na actualidade en fase de licitación. Está previsto que sexa adxudicado proximamente. O presuposto base de licitación é de 89.999,80 euros, IVE incluído. O contrato forma parte do “Programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público”, da estratexia DUSI Impulsa Ames.
Coa creación dun Plan de Mobilidade Urbano Saudable e Sostible preténdese aporta unha mellora na calidade de vida dos cidadáns diminuíndo a contaminación acústica e atmosférica, xa que este é un elemento central en calquera política climática, podendo crear así espazos máis limpos e atractivos para a cidadanía, e aumentando a seguridade viaria. Outro dos obxectivos é dispor dunha mobilidade conectada e sostible xa que asegura as necesidades das persoas e as empresas de forma efectiva. Por último, unha cidade organizada e sostible é moito máis atractiva para os inversores, polo tanto, atrae novos negocios e empresas, e de forma indirecta estaríanse a crear novos postos de traballo.
Obxectivos estratéxicos do PMUSS
O plan de mobilidade integral e sostible que a empresa adxudicataria terá que elaborar para Ames debe responder a varios obxectivos estratéxicos. Por unha banda haberá de favorecer a integración e o acceso aos servizos en igualdade de condicións de todas as persoas que residen no concello e terá que minimizar as diferenzas entre os distintos entornos. Ademais haberá de dar solucións orientadas tanto á redución do consumo enerxético e da pegada de carbono do municipio, buscando a eficiencia tanto nos desprazamentos, a través dun funcionamento estrutural da área urbana menos monocéntrico, como na xestión enerxética das infraestruturas e os equipamentos públicos.
Os obxectivos que se pretenden acadar con este contrato, son, entre outros, a redución de emisións acústicas e gases contaminantes, a racionalización do uso do automóbil privado e sosego do tráfico, a racionalización do transporte público e a precedencia de implantación de novas liñas, a implantación de alternativas de transporte viables, a potenciación de formas de mobilidade sostibles de peóns e bicicletas coa conseguinte mellora de seguridade., así como o estudio das áreas de aparcamento.
O contrato implica, en definitiva, a elaboración dun documento de referencia orientado a desenvolver políticas de mobilidade que reduzan emisións e que potencien o uso de formas de transporte máis sostibles, socialmente útiles, ambientalmente axeitadas e economicamente sostibles. Haberá de terse en conta a mellora da mobilidade e accesibilidade de forma eficiente e sostible nos núcleos urbanos e na conexión destes cos demais núcleos de poboación do municipio.
O plan crearase en base aos criterios e orientacións que determina a lei e as directrices de orde superior e tomará como referencia outros documentos estratéxicos e de planificación que interveñen sobre algúns aspectos relativos á mobilidade, como o Plan de Ordenación Municipal do Concello de Ames. Para a elaboración do PMUS contémplanse os traballos distribuídos en varias fases fases que abranguen desde a recollida e clasificación da información para elaborar un análise de diagnóstico, a participación cidadá e a verificación dos problemas detectados até a elaboración definitiva do plan e as accións de difusión.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El Clínico tendrá parada de bus desde Teo, Ames, Brión, Negreira y Xallas"
La Voz de Galicia: "Los nuevos servicios del bus metropolitano en Ames entran en vigor el próximo miércoles"