Pestanas principais

O XI Certame Artístico-Literario Intercentros céntrase en como será Galicia no ano 2050

Venres, 22 de marzo de 2019

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, convoca a décimo primeira edición do Certame Artístico-Literario Intercentros. Na convocatoria poderán participar as nenas e nenos dos cursos de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria escolarizados en centros amesáns. Os traballos, relatos ou poemas ilustrados poderán presentarse de xeito individual ou por parellas ata o 3 de maio, e deberan tratar sobre como lles gustaría aos rapaces e rapazas que fose Galicia no ano 2050. Os premios entregaranse, coincidindo co acto de celebración do Día das Letras Galegas, o 16 de maio no Milladoiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases do certame.

Este 2019, o Día das Letras Galegas conmemorará ao profesor, investigador e antropólogo Antón Fraguas, que adicou a súa vida a poñer en valor a cultura e a lingua galegas mediante o seu coñecemento, difusión e desenvolvemento. Durante a súa extensa obra bibliográfica, mostrouse como unha persoa comprometida co país que soñaba cunha Galicia aberta ao mundo, pero sempre orgullosa de si mesma, da súa lingua e da súa cultura. Así, para seguir co seu legado, os participantes do XI Certame Artístico e Literario Intercentros deberán mostrar como soñan a Galicia no futuro.

Deste xeito, o alumnado participante no certame deberá presentar un texto ilustrado, en prosa ou en verso, no que conte como desexa que sexa Galicia no ano 2050. En prosa, a extensión mínima será de 150 palabras e a máxima de 300. Na modalidade de poesía, a extensión mínima será de 20 versos, mentres que a máxima será de 50. Para participar, deberá ser entregado o texto orixinal escrito á man, acompañado de dúas copias.

O Certame Artístico-Literario Intercentros contará con dúas categorías. A primeira delas abarcará ás crianzas de 3º e 4º, mentres que a segunda incluirá ás nenas e nenos de 5º e 6º de primaria. Haberá tres premios por cada categoría. O alumnado participante terá que entregar os seus traballos ás titoras ou titores de cada clase, que farán a primeira selección. Os colexios terán ata o 3 de maio para enviar os traballos escollidos ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames.

O xurado, que estará conformado por tres membros propostos pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Ames, será o encargado de escoller os traballos premiados. A decisión do xurado farase pública e comunicaráselle aos centros o 10 de maio. A entrega de premios realizarase o 16 de maio, no acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro en conmemoración do Día das Letras Galegas.

XVI Certame Literario Concello de Ames
O Concello de Ames acaba de convocar, tamén, a décimo sexta edición do Certame Literario de narrativa e poesía, ao que poderá concorrer calquera persoa que presente textos inéditos escritos en lingua galega. Os textos, que serán de temática libre, poderán enviarse ata o día 11 de abril incluído. No total, repartiranse preto de 3.000 euros.

O certame ten dúas modalidades (narrativa e poesía), e en cada modalidade tres categorías, de xeito que poden participar persoas de calquera idade. As nenas e nenos que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda estará dirixida ás rapazas e rapaces de entre 14 a 17 anos e a terceira ás persoas de 18 anos ou máis. Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que serán de 150 euros, 120 euros e 90 euros na primeira categoría; mentres que os da segunda serán 180 euros, 150 euros e 120 euros na segunda; e 260 euros, 210 euros e 180 euros na terceira.

Para obter máis información sobre algún destes dous certames pódese chamar ao número de teléfono 662 377 215 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, correspondente ao Servizo de Normalización lingüística (SNL) do Concello de Ames.

Ligazóns

O XI Certame Artístico-Literario Intercentros céntrase en como será Galicia no ano 2050

Multimedia

  • O XI Certame Artístico-Literario Intercentros céntrase en como será Galicia no ano 2050