- Tematica
A programación teatral do segundo semestre de 2020 continúa o próximo venres, 16 de outubro, co espectáculo Vida de Cans da compañía Talía Teatro. Trátase dunha traxicomedia, que está destinada a un público adulto, escrita e dirixida por Cándido Pazó. As entradas pódense adquirir a través da billeteira electrónica do Concello de Ames. O evento terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro ás 21.00 horas.
Vida de Cans é unha obra da compañía Talía Teatro que está escrita e dirixida por Cándido Pazó. A peza chega ao Milladoiro para, a través dunha comedia absurda, paródica e metafórica, facer unha alegoría á liberdade durante 75 minutos.
“Búscase unha reflexión sobre o concepto de liberdade, sobre onde están os límites. Queremos falar de cuestións humanas, pero a través das personaxes caninas”, asegura Cándido Pazó.
Artur Trillo, Dani Trillo e Toño Casais dan vida a Nolo, Lupo e Nemo. Os protagonistas son tres cans que están recluídos nun recinto que lles preparou o seu amo. Moi grande, moi cómodo, moi ameno, moi limpo... pero recinto. Fóra del está a liberdade. Cos seus desacougos, as súas incertezas, os seus problemas, os seus perigos... pero liberdade. Cada un dos tres afronta o conflito segundo a súa personalidade derivando cara unha traxicomedia.
Por mor da Covid-19 o aforo será limitado para poder manter a distancia de seguridade entre os espectadores. Na Casa da Cultura do Milladoiro haberá espazo para 55 persoas. Ademais, adoptáranse as medidas hixiénico – sanitarias marcadas polas autoridades sanitarias.
As entradas, dun custo de 5 euros para os adultos, pódense adquirir a través da billeteira electrónica do Concello de Ames. Existen descontos para persoas maiores de 60 anos; rapaces e rapazas menores de 12 anos; familias numerosas; mozos/as con Carné Xove; e persoas demandantes de emprego.
Programación teatral en novembro e decembro
A programación teatral do segundo semestre continuará en novembro coa compañía Inversa Teatro, que representará no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns a obra Sofía e as Postsocráticas. Será o 20 de novembro, ás 21.00 horas. Trátase dunha peza de teatro contemporáneo, de 60 minutos de duración, quer trata sobre a violencia machista, afondando nas causas da estrutura do maltrato.
Para o 23 de decembro, ás 21,00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, queda a obra EntreSoños, de Fran Sieira - Compañía de danza. É unha obra de baile e música tradicional galega, que conta cun elenco artístico de 3 bailadores/cantadores: Fran Sieira, Aida Tarrío e Xisco Feijóo, ao son da música do compositor e músico multidisciplinar Anxo Pintos.