- Tematica
Catro sesións de Teatro-Foro baseadas na obra “¿Esto es amor?” da Compañía aragonesa Psíare, axudarán á cidadanía amesá a reflexionar e tomar consciencia sobre as relacións tóxicas e as condutas enganosas e machistas que confunden o amor coa posesión. A actividade chega a Ames da man da concellaría de Benestar e Igualdade e encádrase no Programa “NIN SERVIL, NIN CALADA, LIBRE”, co que o concello de Ames conmemora o 25N. Dúas das sesións dirixiranse ao alumnado dos Institutos de Ames e as outras dúas ao público en xeral. Os convites para as sesións libres xa están a disposición do público na billeteira municipal.
A Compañía aragonesa Psíare, será a encargada de dirixir esta experiencia de teatro interactivo na que o público participa co obxectivo de mudar conceptos e actitudes machistas. A través da obra “¿Esto es amor?”, os actores, que tamén son psicoterapeutas, irán presentando toda unha serie de accións para que o público reaccione e sexa el mesmo quen “reescriba ese guión” e mude as actitudes perversas que as veces se adoptan case sen que un se decate. Búscase que “o cambio se estableza precisamente a través desa toma de consciencia e ese “poñerse na pel da outra/o”, segundo o ideario da Compañía.
Para a a concelleira de Benestar e Igualdade, Luísa Feijóo “é unha sorte poder contar no noso Concello con estas iniciativas que, aparte de anovadoras, teñen tan boa acollida entre a veciñanza”. Feijóo engade que esta é unha representación que anima e incita a reflexión, convertendo ao espectador en parte da acción e mudando a trama coas súas achegas”.
Días e horarios
As sesións dos Institutos desenvolveranse o 19 de novembro ás 9:30 horas, no IES do Milladoiro e ás 12:00 horas no Salón de actos de Bertamiráns. As sesións dirixidas a público adulto, terán lugar o día 19 de novembro, ás 20:30 na Casa da Cultura de Bertamiráns e o 20 de novembro, ás 20:30 na Casa de Cultura do Milladoiro. Os convites para as sesións dirixidas ao público en xeral están na billeteira municipal.
A compañía Psiare xa estivo en Ames realizando outras sesións de Teatro-Forum. Fixérono co gallo da celebración do Día do Orgullo LGBTI.