[03-10-2016] O venres 7 de outubro no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns a compañía Pérez&Fernández representará Amábel. Unha obra pensada para un público infantil e familiar. O espectáculo comezará ás 18:30 horas e as entradas pódense mercar na Billeteira electrónica municipal ou no despacho de billetes do centro sociocultural de Bertamiráns unha hora antes do comezo do espectáculo. Previamente, o venres pola mañá, ás 10:00 e ás 12:30 horas, haberá dúas sesións escolares nas que van participar os alumnos/as dos centros de ensino A Maía, Agro do Muíño e Barouta.
Pérez&Ferández presentan no auditorio municipal de Bertamiráns Amábel, unha historia sobre a amizade e o amor familiar. Esta peza relata a historia do reencontro entre Amábel, a protagonista, e o seu amigo Braulio en Tokio. Ambos levan sen verse dende o colexio, e unha vez xuntos comezan a falar das lembranzas compartidas. Ambos recordan con especial agarimo o outono do ano 82, no que viviron xuntos aventuras extraordinarias.
Esta obra, que combina o uso de monicreques coa actuación do elenco, está baseada nunha novela de Érica Esmoris. A escritora presenta ao lector a Amábel, unha nena nada nunha familia con superpoderes. Na novela Amábel busca, coa axuda de Braulio, o seu don especial. Os monicreques manipulados polo actor Manu Fernández e pola actriz Victoria Pérez chámanse “amigurumis”. Seguen unha tendencia xaponesa que consiste na creación de bonecos mediante a técnica do crochet, os da obra foron feitos por Irene Pidal.
As entradas para a obra estarán dispoñibles na Billeteira electrónica municipal. O prezo é de 4 euros pola entrada xeral e de 2 euros con desconto. Poden mercar entradas a prezo reducido os nenos e nenas menores de 12 anos, os mozos/as con carné de estudante e as persoas maiores de 65 anos. Tamén haberá entradas dispoñibles no despacho de billetes da Casa da Cultura de Bertamiráns, unha hora antes do comezo da obra. Esta representación teatral enmárcase na programación infantil con Apego posta en marcha por diferentes departamentos municipais.