- Tematica
A veciñanza de Ames terá a oportunidade de participar desde o mes de outubro de 2020 até o mes de abril de 2021 nas rutas-paseo que a Aula da Natureza propón a través do programa “Pegadas”. As fragas do Eume, o bosque de Ames, as terras da Ulloa, o Courel, O río Mandeo, Allariz e a Illa de Sálvora son os destinos elixidos. Todos os encraves posúen unha gran riqueza natural, cultural, patrimonial e etnográfica. A programación complétase cunha ampla oferta de actividades aos centros educativos que abrangue xincanas ambientais, xogos, excursións e exposicións. Ademais, estase desenvolvendo un curso de horta sostible e está previsto un obradoiro de trenzado de palla.
“Pegadas” inicia a súa andaina no mes de outubro cunha serie de rutas guiadas para identificar e recoller cogomelos que, durante os meses de outubro e novembro, levarán aos/ás participantes a coñecer os bosques, piñeirais, prados e carballeiras de distintas parroquias de Ames. “Paseos de cogomelos” é o título da primeira destas actividades. Durante dous sábados do mes de outubro e dous do mes de novembro, a veciñanza amesá terá a oportunidade de participar nunha serie de rutas guiadas nas que se identificarán e recollerán cogomelos. A primeira delas levarase a cabo o sábado 17 de outubro polos piñeirais e carballeiras de Ortoño. O 31 de outubro, o destino serán os bosques mixtos de Oca e Lens, o 14 de novembro os prados e montes de Biduído e o 28 do mesmo mes os camiños da Ameixenda. As inscricións poderanse facer até as 14:00 horas do xoves anterior a cada unha das saídas, no correo auladanatureza@concellodeames.gal.
O outono nas Fragas do Eume é a proposta que “Pegadas” fai para o mes de novembro. A actividade inclúe unha ruta polas fragas e visitas interpretadas ao mosteiro de San Xoán de Caveiro e ao mueo etnográfico de A Capela. Por outra banda, coñecer os acivros, ruscos, escaramuxos e outras curiosidade do bosque de Ames en inverno é o obxectivo das saídas que se desenvolverán no mes de decembro. As Terras de Ulloa coa ruta dos torrentes do Mácara e unha visita interpretada ao Castelo de Pambre será o primeiro destino do ano do programa “Pegadas” que terá lugar no mes de xaneiro. Para o mes de febreiro, a proposta levará á veciñanza a seguir “O rastro do Oso”, camiñando até a Devesa da Rogueira, no Courel, e visitando a Casa Museo de Uxio Novoneyra que rexenta o seu fillo, o tamén escritor Uxio Novoneyra Rei. Allariz, coa ruta da Padela e a visita ao ecoespazo o Rexo e a súa queixería será o destino do mes de marzo. Para abril prevese facer unha ruta en barco polo río Mandeo, un xogo demorientación no espacio natural de Chelo e visitar o pazo de Mariñán. As actividades concluirán nomes de abril cunha excursión e unha visita interpretada á Illa de Salvora.
Propostas para os Centros Educativos
Por outra banda, co obxectivo de continuar colaborando na educación tamén das xeracións máis novas, a concellaría de Transición Ecolóxica a través da Aula da Natureza, ofrece aos Centros de Ensino amesán e as ANPAS unha serie de propostas de actividades de Educación Ambiental a realizar no curso 2020-21. A temática das actividades organízase tendo en conta as idades e os cursos á quen van dirixidas. Na oferta están incluídas varias xincanas ambientais que se desenvolverán no pazo da Peregrina, no Paseo Fluvial e na carballeira de Ventín. O estudo de flores, aves, insectos, especies de ribeira e árbores está presente nestas probas que tamén inclúen xogos de orientación.
Propóñense tamén rutas ambientais polos Muiños de Riamonte, o Rego dos Pasos, a Senda Verde, o río Sar, os camiños de Agrón, o río Tambre e o camiño de Fisterra. Estas rutas adaptaranse tamén ás idades dos alumnos e alumnas participantes. A Aula da Natureza ofrece asemade, dentro deste programa para escolares, una visita á praia da Aguieira para analizar e recoller cunchas.
“A Oca Preciosa”
No marco destas propostas que a Aula de Medio Ambiente fai á comunidade escolar, cómpre salientar unha adaptación do xogo da Oca creado pola ONU. O xogo, que leva o título de “Oca Preciosa” da a coñecer os 17 Obxectivos e metas de Sostibilidade acordados por máis de 100 goberno mundiais. Entre outros, o xogo inclúe os conceptos de “Fame 0”, “Fin da pobreza” e “Igualdade de xénero”. Os voluntarios xuvenís de Ames foron os que realizaron a adaptación do xogo.
As propostas escolares da Aula da Natureza artéllanse desde os departamentos de Transición Ecolóxica e Educación. Os responsables de ámbalas dúas concellarías, Manuel Lens e David Santomil enviáronlle unha carta aos directores de todos os Centros Educativos do Concello especificando esta oferta e ofrecendo a dispoñibilidade das dúas concellarías para considerar outras actividades nas que os centros poidan estar interesados.
Obradoiros de horta e trenzado de palla
As actividades da Aula da Natureza para esta tempada comezaron xa no mes de setembro cun curso de Horta Sostible que comezou o 26 de setembro e que se desenvolverá todos os sábados até o 7 de novembro. Abonos, compost, abancalamentos, protección de cultivos, planificación de horta, calendario, pragas, rega, poda e pinzados son algúns dos temas que se tratan neste curso. Está prevista ademais a realización dun obradoiro de Trenzado de palla: “Iniciación ao tecido de Sancosmeiros” que houbo de ser adiado na primavera pasado por mor da pandemia.
Todas as actividades faranse respectando as medidas preventivas fronte a COVID, na composición dos grupos, nas medidas hixiénicas e no mantemento das distancias sociais.
Para o concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens, “a intensa actividade que programa a Aula da Natureza para estes dous trimestres reponde a intención do departamento de continuar concienciando á cidadanía dos valores do medio e da responsabilidade que todos e cada un temos no seo coidado”. Salienta Lens a especial atención as xeracións máis novas: “Nestes momentos de transformación nos que a educación ten que adaptarse ao contexto da COVID, pensamos que é fundamental que o Concello proporcione á Comunidade Escolar apoio para o desenvolvemento de actividades ao aire libre que fomenten a comprensión da vida como un todo, estimulen a cooperación e faciliten a toma de decisión”.
Pola súa banda, a técnica da concellaría e responsable da Aula da Natureza Patricia Reboreda, insiste nas medidas hixiénico sanitarias baixo as que se van desenvolver todas as actividades, facendo especial fincapé na redución do número de participantes en cada grupo: “Rebaixamos o número de alumnos e alumnas por grupo e multiplicamos o número de talleres para poder facer máis grupos e chegar a máis alumnado”. A distancia social e os protocolos hixiénico sanitarios están téndose en conta desde o mesmo momento de planificación das actividades.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El plan Pegadas de Ames propone ocio verde en el municipio y rutas por toda Galicia"
El Correo Gallego: "Ames organiza este outubro roteiros no marco de ‘Pegadas’ "