Pestanas principais

Obradoiros e contos para despedir unha nova edición do servizo de Bibliopiscinas

Sábado, 01 de setembro de 2012

[01-09-2012] Este venres pola tarde púxose o punto e final a unha nova edición do programa de Bibliopiscinas, que se desenvolveu dende o día 2 de xullo na área recreativa de Tapia, de luns a sábado, e nas piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, de luns a venres. Para elo celebrouse unha festa na praia fluvial de Tapia na que os nenos e nenas puideron participar nun obradoiro de pintado de camisetas e gozar cos contos da escritora e narradora, Charo Pita. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, a concelleira de Xuventude, María González, e o concelleiro do grupo municipal popular, Alfonso Rey, non se quixeron perder esta festa e tamén se achegaron ata Tapia.


Este servizo que o concello de Ames prestou una ano máis estivo dirixido a todo o público sendo unicamente requisito contar cun carné municipal para poder acceder aos servizos de préstamo de libros a toalla e a domicilio. Todos os demais servizos foron de acceso libre. As bibliopiscinas estiveron abertas ao público nos meses de xullo e agosto. En Bertamiráns e no Milladoiro o horario foi de luns a venres de 16:00 horas a 20:00 horas, e na área de Tapia abriron de luns a sábado, incluídos os días festivos, no mesmo horario.

En canto á biblioteca municipal, estivo aberta nos meses de verán, cunha variación no seu horario, xa que só abriu ao público polas mañás, das 10:00 h. ás 14:00 horas. Calquera piscina esperta unha gran fascinación para os nenos e nenas e a campaña das bibliopiscinas "Móllate na lectura, 2012!" axudou a pais e nais á conciliación da vida familiar durante o verán.


Pouco a pouco vaise achegando o fin do verán e con el rematan as actividades propias da época estival como acontece co servizo de bibliopiscinas. Este venres, 31 de agosto, celebrouse na área recreativa de Tapia a festa de clausura desta actividade. As actividades comezaron ás 16:30 horas cun obradoiro de pintado de camisetas. Foron moitos os nenos e nenas que decoraron a súa propia camiseta con pintura e rotuladores. Despois de rematar coa decoración tiveron que deixala secar e levárona para as súas casa de recordo. Tralo obradoiro tocou sentarse para escoitar os contos da escritora e narradora, Charo Pita, que foi a encargada de facer voar a imaxinación dos cativos e non tan cativos.

É coñecida a importancia de acostumarse á lectura e por iso o Concello impulsa iniciativas coma a das bibliopiscinas para que os nenos asocien a lectura non só coas horas de estudo, senón tamén coas de lecer. Para esquecerse da rutina do curso e dos estudos os rapaces e rapazas puideron gozar de contacontos que fixeron voar as súa imaxinación durante este verán.