Pestanas principais

Oca está en festa este sábado na honra da Virxe do Corpiño

Venres, 13 de abril de 2012

[13-04-2012] O lugar de Oca na parroquia de Ames celebra este sábado a festa na honra da Virxe do Corpiño. Esta festividade contará con misas dende as dez da mañá, procesión, son de gaitas e pasarrúas polo lugar e baile e diversión durante toda a xornada. Unha extraordinaria forma de recuperarse do axetreo do traballo e de unir e fortalecer lazos entre os veciños e veciñas de Oca.

Todo está xa preparado para celebrar este sábado, 14 de abril, a festa na honra da Virxe do Corpiño no lugar de Oca, na parroquia de Ames. A partir das dez da mañá, celebraranse na igrexa de Oca diversas misas para honrar á Virxe do Corpiño. Posteriormente, está prevista a celebración ás 13:00 horas da misa cantada e posterior procesión. Durante a mañá, o grupo de gaitas Os Castros realizará un pasarrúas e tocará diversas pezas tradicionais durante a procesión.

A sesión vermú correrá a cargo da orquestra Salsa Rosa que será a encargada de transportar pola noite aos veciños e veciñas do lugar a unha especie de edén musical. A música non deixará de soar dende as 10:30 horas, aproximadamente, poñendo o punto e final, un ano máis, a esta entrañable festa onde a boa compaña de veciños e amigos resulta fundamental.

Este acontecemento supón para os habitantes de Oca un encontro extraordinario onde os e as asistentes poden compartir diversión, charlas e gargalladas e, a súa vez, intensificar lazos de amizade posto que esta festa serve para "aproveitar para ver persoas que non ves a diario", di Manuel Lens, membro da comisión de festas.

Hai que destacar que se instalará unha carpa no campo da festa xa que está previsto que chova durante este fin de semana. A comisión de festas invita a todos e todas as amienses a participar neste evento festivo e agradece a colaboración de todos os veciños e veciñas que axudaron a celebrar este festexo grazas aos seus donativos.