Pestanas principais

A Oficina de Software Libre organiza un repair cafe de equipos informáticos

Martes, 04 de xuño de 2024

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), coa colaboración da Concellería de Benestar Social do Concello de Ames, organiza un repair cafe de equipos informáticos. Esa actividade impartirase o sábado 8 de xuño, en horario de 11:30 a 13:00 horas. Trátase dunha actividade impartida por persoal da Oficina de Software Libre de Ames dentro das súas actividades de divulgación das novas tecnoloxías en Software Libre. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón.

O sábado 8 de xuño organízase unha nova actividades da Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre, unha iniciativa impulsada por AGASOL coa colaboración da Concellería de Benestar Social do Concello de Ames. A Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe Electrónica de Ames é un proxecto posto en marcha polo Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL).

Esta é a segunda actividade da programación de 2024. Desta volta, este obradoiro busca reducir a fenda dixital para os colectivos vulnerables e minorar o lixo electrónico. Neste repair cafe o persoal da Oficina de Software Libre ofrecerá a súa axuda para reparar ordenadores portátiles e solucionar os diversos problemas que este poidan ter.

Este obradoiro está dirixido a colectivos vulnerables que precisen axuda coa reparación dos seus equipos electrónicos, pois a posta a punto dos computadores é fundamental para un traballo eficiente e sen necesidade de investir grandes cantidades de cartos. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón. A actividade impartirase na Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe de Ames, situada no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8, de 11:30 a 13:00 horas.

Divulgación das novas tecnoloxías en software libre
Cómpre lembrar que a Oficina de Software Libre centra as súas actividades en divulgar as novas tecnoloxías en software libre entre os grupos sociais menos favorecidos. Para conseguilo, impártense cursos de formación e realízanse actividades de alfabetización dixital para aquelas persoas que o necesiten. Ademais, ofrécese axuda para resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e establécese como punto de encontro onde aprender, compartir e construír.

Durante o pasado curso a Oficina desenvolveu diferentes actividades de formación e divulgación de tecnoloxías de software libre. En concreto, realizou o obradoiro “Aforra na túa factura da luz”; outro sobre “Automatización da túa casa, controla o teu fogar”; e un terceiro denominado “Repair café de equipos informáticos”.

A Oficina de Software Libre organiza un repair cafe de equipos informáticos