Pestanas principais

A Oficina de Voluntariado de Ames conta con 50 voluntarios que traballan en prol da cidadanía amiense de xeito desinteresado

Martes, 07 de maio de 2013

[07-05-2013] O Concello de Ames, a través da Oficina do Voluntariado, organiza numerosas actividades e eventos que serven para fomentar a participación social entre os diferentes individuos e colectivos da poboación amiense. A concelleira de Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, destaca “a implicación de todos/as os voluntarios/as que colaboran neste servizo do Concello de Ames, a través do que se pretende apoiar aos sectores de poboación máis desfavorecidos como son as persoas maiores, inmigrantes, infancia, persoas con discapacidade, muller e minorías étnicas”. Para iso, desenvólvese un completo programa de actividades e servizos que se poden levar a cabo grazas á colaboración desinteresada de 50 voluntarios/as.

Os programas e proxectos que desenvolve a Oficina de Voluntariado de Ames poden dividirse en tres grandes áreas: programas de acción social; servizos de atención socioeducativa; e accións voluntarias. Algunhas das actividades que desenvolve a OVA son o proxecto de acompañamento a persoas maiores e/ou persoas con discapacidade. Neste proxecto, no que prestan o seu apoio 4 voluntarios/as, axúdase ás persoas maiores ou persoas que sofren algún tipo de discapacidade, ben sexa física, psíquica ou sensorial, mediante a realización de actividades como paseos, conversas, saídas ao parque, lectura de prensa, xestións administrativas.

Outro dos proxectos é o apoio escolar e actividades complementarias para nenos e nenas en risco de exclusión social. Está pensado para nenos e nenas en idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos, e que teñan algunha problemática social e/ou familiar asociada que repercuta no seu rendemento escolar. Este proxecto, ademais de incluír o apoio escolar tamén pretende ensinarlles aos nenos e nenas a empregar o seu tempo de lecer dunha maneira máis proveitosa, mediante xogos cooperativos, xogos construtivos, charlas sobre temas de interese e de actualidade. No servizo de apoio escolar colaboran 12 voluntarios/as.

A Escola Integral de Maiores é outra das actividades organizadas pola OVA. Esta escola está dirixida a toda a xente de Ames de certa idade que teña ganas de aprender. A escola vai dende conceptos básicos de lectoescritura, ata apoio para tentar obter o graduado en ESO de maneira excepcional. O obxectivo básico é o de dotar a estas persoas de ferramentas e coñecementos mínimos que lles axuden a desenvolverse dunha maneira máis axeitada na súa vida cotiá. O apoio escolar refórzase con actividades paralelas, como charlas de interese no campo da saúde, do medio, saídas culturais e de ocio. Este proxecto leva funcionando desde o ano 2003 e na actualidade colaboran un total de 6 voluntarios/as (3 en Bertamiráns e outros 3 no Milladoiro).

Ademais destas actividades tamén se levan a cabo outras como o Roupeiro municipal que se atopa nas dependencias municipais de Aldea Nova e onde se recolle roupa . Un total de 12 voluntarios/as encárganse de recibir as pezas de roupa, facer a escolla das que estean en bo uso, almacenalas no roupeiro e entregalas.

Cursos e actividades
Tamén se realizan cursos e actividades dirixidas á poboación aminense. Un dos cursos que máis tempo leva desenvolvéndose é o seminario de viticultura no que participan 24 persoas. Este ano estase realizando a décima edición deste curso que se desenvolve todos os luns na aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro. Neste seminario os participantes aprenden as técnicas do cultivo e explotación das vides.

Outros cursos que se desenvolven ao longo de todo o ano son os de costura, ganchillo e inglés. Este último, púxose en marcha o pasado mes de marzo despois de que moitas persoas se interesasen por este tipo de actividade. Eran moitos os veciños e veciñas que reclamaban un curso de inglés para as persoas maiores, xa que estas iniciativas sempre se realizaban para a xuventude amiense. Esta acción formativa está impartida por unha profesora voluntaria que está licenciada en filoloxía inglesa.

Outras actividades que contan cun gran número de participantes son os programas Sanauga e Amessan. Na edición 2012-2013 do programa Sanauga participan arredor de 60 veciños e veciñas de Ames. Esta actividade está dirixida a persoas maiores de sesenta anos e/ou con discapacidade. O programa Sanauga ten a finalidade de mellorar a mobilidade e o benestar físico dos asistentes. Este programa desenvólvese na piscina municipal A Telleira, situada en Bertamiráns, e nel participan os veciños e veciñas amienses que se atopan por riba dos 60 anos ou que teñen algunha discapacidade.

Por outra banda, un dos programas máis demandados pola veciñanza amiense é o Amessan, que a OVA realiza en colaboración coa área de Benestar Social. Este programa inclúe máis de 16 actividades entre as que se atopan o obradoiro de manualidades Creando fogares, o taller de música e baile tradicional Ao son da sacha, ximnasia terapéutica, ludoteca cognitiva (obradoiro de memoria) e a actividade de coro, para a formación dunha coral en Bertamiráns.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Oficina de Voluntariado de Ames conta con 50 voluntarios que traballan en prol da cidadanía amiense de xeito desinteresado"