Pestanas principais

A Oficina de Voluntariado de Ames lanza unha campaña de recollida de enseres para bebés

Mércores, 15 de xullo de 2020

A Concellaría de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado de Ames, vén de lanzar unha nova campaña, neste caso para recoller enseres para bebés. O obxectivo principal é tratar de recoller produtos infantís como berces, carriños de paseo, tronas e cadeiras infantís. Esta campaña chega despois da campaña solidaria de recollida de alimentos organizada pola XEA, en colaboración co departamento de Voluntariado do Concello de Ames, a través da cal se recolleron diferentes produtos infantís como cueiros, toalliñas para bebés ou leite de inicio ou continuación.

A Oficina de Voluntariado pon en marcha unha campaña de recollida de enseres para bebés. Nos últimos meses xa lanzou varias campañas como "Ponlle fin á fenda dixital", para tratar de conseguir equipos informáticos en desuso para os/as nenos/as de familias vulnerables. Tamén realizou outra campaña solidaria de recollida de alimentos xunto coa Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

Nesta ocasión lanza unha nova campaña, neste caso para recoller enseres para bebés. O obxectivo principal é tratar de recoller produtos infantís como berces, carriños de paseo, tronas e cadeiras infantís. Deste xeito, tratarase de que as familias máis vulnerables dispoñen de material de bebés, creando un banco de préstamo e alongando a vida útil destes enseres. A idea é por un lado darlle unha segunda e terceira vida a estes enseres, e por outra tomar conciencia do valor que teñen.

Cada usuario/a comprometerase ao seu coidado e a súa devolución, unha vez deixe de usar ditos enseres, para poder entregarllos a outras persoas que o precisen.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explica que “dende hai meses detectamos que as familias vulnerables veñen solicitando material e enseres para bebés. Por iso lanzamos esta campaña. Ademais, para tratar de paliar a falta de produtos de alimentación infantil puxemos en marcha outra campaña, xunto con XEA, a través da cal se recolleron diferentes produtos infantís como cueiros, toalliñas para bebés ou leite de inicio ou continuación”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames crea un banco solidario de enseres para bebés"

Compostela 24 Horas: "A Oficina de Voluntariado de Ames lanza unha campaña de recollida de enseres para bebés"

Cartel da campaña de recollida de enseres para bebés

Multimedia

  • Cartel da campaña de recollida de enseres para bebés