Pestanas principais

A Oficina de Voluntariado de Ames pon en marcha unha campaña de recollida de alimentos de Nadal

Sábado, 21 de novembro de 2020

A Oficina de Voluntariado de Ames, dependente da Concellaría de Benestar Social, pon en marcha unha campaña de recollida de alimentos propios da época de Nadal. As persoas que queiran participar poden doar os seus produtos na Casa do Concello e nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas, e no pavillón municipal de Bertamiráns, en horario de tarde, de 17.00 a 20.00 horas. Os alimentos recolleranse do 23 de novembro ata o 14 de decembro.

Ames concello solidario, este é o lema da Oficina de Voluntariado, dependente da Concellería de Benestar Social, que pon en marcha unha nova campaña solidaria. Neste caso para recoller de alimentos propios da época de Nadal. Esta campaña súmase a outras organizadas anteriormente para a recollida de material escolar, enseres para bebés ou equipos informáticos en desuso.

Deste xeito, a veciñanza amesá que queira participar na campaña pode achegar os seus alimentos de Nadal en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 horas, á Casa do Concello ou ás Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Tamén se poderán achegar os alimentos ao pavillón municipal de Bertamiráns, en horario de tarde, de 17.00 a 20.00 horas. Os produtos recolleranse do 23 de novembro ata o 14 de decembro.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explica que “este ano está sendo un ano difícil, un ano complicado xa non só pola crise sanitaria senón polos efectos que está a ter nas economías dos nosos veciños e veciñas. Dende o noso departamento intentamos axudar, na medida das nosas posibilidades, e unha vez máis recorremos a solidariedade amesá. Entre todos e todas seguro que conseguimos o noso obxectivo que é que ninguén quede atrás”.

“Dende o Concello durante o ano recollemos alimentos non perecedoiros e, polo tanto, o Banco de Alimentos sempre ten produtos a disposición daquelas persoas que o precisen. Non obstante, con esta campaña en concreto preténdese ir un pouquiño moito máis alá, achéganse unhas datas especiais onde non queremos que falte a ilusión e un sorriso. Con esta recollida específica de produtos de Nadal intentando chegar sobre todo aos fogares das persoas maiores que viven soas e a aqueles onde hai menores", destacada Luísa Feijóo.

A recollida de alimentos basease, sobre todo, na obtención de produtos propios destas datas do Nadal. “Por este motivo, dende o departamento de Benestar Social queremos aportar un pouco de luz ao Nadal das familias con menos recursos e, sobre todo, nas que hai menores”, asegurou a concelleira Luísa Feijóo.

Para máis información, pódese contactar coa Oficina do Voluntariado de Ames e co departamento de Educación familiar, a través dos número de teléfonos 662 377 044 / 683 327 378. Outra opción é enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.org.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames abre una campaña de recogida de alimentos navideños"

Campaña recollida de alimentos de Nadal.