Pestanas principais

A Oficina de Voluntariado de Ames pon en marcha unha nova actividade denominada “Achégate ao inglés” na que están participando 15 persoas

Mércores, 29 de outubro de 2014

[29-10-2014] O Concello de Ames, a través da Oficina do Voluntariado, puxo en marcha este curso 2014-2015 unha nova actividade denominada “Achégate ao inglés”, na que están participando 15 persoas. Este obradoiro comezou este mércores, 29 de outubro, e desenvolverase ata o mes de xuño de 2015. Ademais, púxose en marcha a segunda edición do obradoiro de relaxación e técnicas de autoaxuda a través das cores. Nesta actividade hai inscritos 30 persoas que están divididos en dous grupos que se imparten en Bertamiráns e no Milladoiro. Estas actividades son posibles grazas a colaboración desinteresada duns 65 voluntarios/as.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Voluntariado e Maiores, organiza numerosas actividades e eventos que serven para fomentar a participación social entre os diferentes individuos e colectivos da poboación amiense. A Oficina de Voluntariado de Ames puxo en marcha unha decena de actividades de cara ao curso 2014-2015. Estas actividades son posibles grazas a colaboración desinteresada duns 65 voluntarios/as.

A principal novidade este ano é o obradoiro denominado “Achégate ao inglés”, que comezou este mércores, 29 de outubro, en Bertamiráns. Esta actividade, que se desenvolve os mércores e venres de 10:00 a 11:00 horas, está tendo unha gran acollida entre a veciñanza amiense. Hai 15 persoas inscritas e outras 6 quedaron en lista de agarda por se algún dos participantes se dá de baixa.

Outros dos obradoiros que se organizan este curso é o de relaxación e técnicas de autoaxuda a través das cores. Esta é a segunda edición desta actividade que durante o curso pasado tivo unha gran acollida. Nesta ocasión, hai 17 usuarios/as inscritos en Bertamiráns, que asistirán ás clases os xoves de 18:00 a 20:00 horas, e 13 participantes no Milladoiro, que teñen as clases os mércores de 18:00 a 20:00 horas. Para este obradoiro tamén hai lista de agarda.

Por outra banda, este curso volverá a organizarse o programa de apoio escolar no que están participando 35 rapaces e rapazas (hai 15 usuarios/as en Bertamiráns e 20 usuarios/as no Milladoiro). Este programa está destinado a nenos e nenas con algunha problemática social ou familiar asociada que repercuta no seu atraso escolar. Os nenos/as que participan neste programa están derivados dos servizos sociais municipais.

Esta actividade pódese desenvolver grazas a colaboración de 6 voluntarios/as que imparten este curso no Milladoiro. En Bertamiráns hai outros 6 voluntarios/as que desenvolven este curso. A través deste programa, os/as voluntarios/as axudaranlles aos nenos/as a facer as diferentes tarefas que lle encomendan no colexio. Trátase dun programa de reforzo escolar. Este servizo desenvolverase ata o mes de xuño.

Seminario de amigos da viticultura
O luns, 27 de outubro, comezou unha das actividades que máis interese esperta entre a veciñanza amiense. Trátase do seminario de amigos da viticultura, que é impartido por Emilio de Vicente Nogueira e Teodoro García Rivero, dous dos alumnos máis avantaxados de cursos anteriores. Neste curso, que están participando un total de 28 persoas, abórdanse cuestións referidas ao mantemento dos cultivos e a saúde dos viñedos, así como, impártense coñecementos vinculados coas diversas castes propias de Galicia, os marcos de plantación máis axeitados para a produción e a maduración do viño, as distintas formas de guiar os bacelos e, tamén, achégase información sobre as mellores técnicas de poda que se deben aplicar.

A principios de novembro comezarán outras dúas actividades: o curso de costura no que xa están inscritas 12 persoas e o curso de español para estranxeiros que ten 20 usuarios/as. O curso de costura desenvolverase dende o 6 de novembro todos os xoves, de 10:00 a 12:00 horas, na casa da cultura de Bertamiráns, mentres que o curso de español para estranxeiros impártese tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. No Milladoiro hai dous grupos: un de iniciación no que hai apuntados 6 persoas e outro grupo de nivel avanzado no que hai 7 usuarios/as. En Bertamiráns existe un grupo de 7 participantes.

A concelleira de Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, destaca que “nas actividades do curso pasado participaron arredor de 300 persoas e para este curso prevese igualar, ou incluso, incrementar o número de participantes”.