Pestanas principais

A oitava edición do Enreguéifate premia o vídeo do IES do Milladoiro de Radio Regueifa Inclusiva “Somos diferentes, somos referentes”

Venres, 11 de abril de 2025

Alumnado do IES do Milladoiro acaba de recibir un dos premios da categoría escolar da oitava edición Certame Enreguéifate, o premio á regueifa máis inclusiva, polo traballo realizado en colaboración co CEE Manuel Navalón. O vídeo premiado denomínase Radio Regueifa Inclusiva “Somos diferentes, somos referentes” e nel o alumnado de ambos os dous centros regueifa conxuntamente e a través das ondas para demandar inclusión, diversidade, respecto e non discriminación. 

A oitava edición do certame Enreguéifate xa conta cos seus gañadores nunha edición que, dende logo, rompeu cifras de participación, cun total de 96 vídeos recibidos procedentes de máis de vinte concellos galegos diferentes. Entre os proxectos recoñecidos, atópase o IES do Milladoiro coa súa Radio Regueifa Inclusiva “Somos diferentes, somos referentes”, que levou o premio á regueifa máis inclusiva na categoría escolar.

O proxecto do centro amesán en colaboración do CEE Manuel Navalón de Santiago, ten como eixo central valores tan importantes como a inclusión, a igualdade e a non discriminación, así como a unión entre o alumnado de ambos os centros. Pódese ver o vídeo completo na seguinte ligazón.

O xurado desta edición estivo composto por Manolo Maseda, mestre músico e regueifeiro; Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; Bea Villaverde, técnica do Departamento de Lingua do Concello de Santiago de Compostela; e Lucía Ferro, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames.

O Enreguéifate é un proxecto posto en marcha polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que ten como obxectivo apoiar á difusión da improvisación oral en verso (coñecida como regueifa), para contribuír deste xeito á promoción e difusión do uso da lingua galega. Unha das finalidades principais do proxecto é poñer aos máis mozos en contacto con esta modalidade da improvisación oral, así como achegarlles o uso galego.

Gala Enreguéifate 2025
A entrega de premios celebrarase o vindeiro 19 de maio, ás 11.30 horas, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. O evento será ademais unha celebración conxunta co Regueibertso, un programa apoiado pola Deputación da Coruña que procura a sensibilización lingüística e a difusión da regueifa e o bertsolarismo entre a xente nova. Xurdido en 2016 dentro do Proxecto Regueifesta, colectivo educativo da Asociación ORAL, o Regueibertso consiste nun intercambio entre alumnado improvisador de Galicia e do País Vasco. Este ano, a convivencia entre escolares regueifeiras e bertsolaris terá lugar en Santiago de Compostela durante a fin de semana das Letras Galegas e concluirá coa participación da rapazada na gala do Enreguéifate - Regueibertso.

- Listaxe completa dos gañadores do Enreguéifate 2025:

Categoría xeral
    • Regueifa máis brava: Paco Felípez e Oscar García, "Veciños ben levados" (Carballo e Malpica).
    • Regueifa máis aguda: Arrieiro e Chaminho, "Video-regueifa atlántica" (Malpica e A Coruña).
    • Regueifa máis diversa: Escola da Regueifa de Carballo, "A nosa propia melodía" (Carballo).
    • Regueifa máis reivindicativa: Ministras, "Se nós fósemos ministras" (Pontevedra)
    • Regueifa mellor falada: ex aequo para Guerreiras regueifeiras, "Cidades galegas" (Santiago de Compostela), e Iria e Javi, "Vivan as nosas poetas" (Santiago de Compostela).
    • Regueifa mellor cantada: Asociación Cultural Coro Virxe da Renda, "Cantar e desfrutar" (Poio).
    • Regueifa máis inclusiva: Teiseiros Regueifeiros, "Non hai quen viva! Regueifa do alugueiro" (Centro de Inclusión Fundación da Santa Cruz en Vigo).
    • Regueifa máis entroideira: premio deserto.

Categoría escolar
    • Regueifa máis brava: Os falabarato, “CEIP Plurilingüe de Nétoma-Razo” (Carballo)
    • Regueifa máis aguda: 6o B Quiroga Palacios, "Regueifa do banquete" (CEIP. P. Cardeal Quiroga Palacios, Santiago de Compostela).
    • Regueifa máis diversa: Regueifeiras do Rosalía, "Regueifa pola diversidade" (IES Plurilingüe Rosalía de Castro, Santiago de Compostela).
    • Regueifa máis reivindicativa: Regueifeiras do Camballón, "Altri non! Mina non!" (IES Marco do Camballón, Vila de Cruces.
    • Regueifa mellor falada: A cuarta revolta, "Continuemos co legado" (CPI As Revoltas, Cabana de Bergantiños).
    • Regueifa mellor cantada: Regueifeiras de Dodro, "Emoción ou razón?" (CPI Eusebio Lorenzo Baleirón Tarrío, Dodro)
    • Regueifa máis inclusiva: Radio Regueifa Inclusiva, "Somos diferentes, somos referentes" (IES do Milladoiro / CEE Manuel Navalón, Ames e Santiago de Compostela).
    • Regueifa máis entroideira: As Entroideiras, "O Entroido galego" (CEIP San Martiño, Pontevedra).

A oitava edición do Enreguéifate premia o vídeo do IES do Milladoiro de Radio Regueifa Inclusiva “Somos diferentes, somos referentes”

Multimedia

  • A oitava edición do Enreguéifate premia o vídeo do IES do Milladoiro de Radio Regueifa Inclusiva “Somos diferentes, somos referentes”
  • Embedded thumbnail for