Pestanas principais

Organízanse dúas novas xuntanzas do Club xuvenil de Ames

Martes, 19 de marzo de 2024

A Concellaría de Mocidade vén de poñer en marcha o Club xuvenil de Ames. Trátase dunha nova iniciativa a través da que se trata de crear un grupo de ata 30 mozos e mozas de entre 13 e 18 anos, para que compartan experiencias e proxectos. As actividades que se imparten están coordinadas por dous monitores da empresa Aquelando SL, coworkers do espazo colaborativo A Proa. Dita iniciativa desenvolverase de marzo a decembro, facendo un parón durante o verán nos meses de xullo e agosto. O venres 22 e mailo sábado 23 de marzo haberá dúas novas xuntanzas no Milladoiro e Bertamiráns co obxectivo de ir facendo grupo e que os mozos e mozas interesados se unan a este club xuvenil.

O pasado 2 de marzo botou a andar o Club xuvenil de Ames cunha xuntanza realizada no local da Factoría, en Biduído. Este primeiro encontro serviu para explicarlles ás familias en que consiste este novo proxecto posto en marcha pola Concellaría de Mocidade. O Club xuvenil de Ames pretende ser un espazo de encontro, aberto e plural, onde os mozos e mozas poidan dar resposta ás súas inquedanzas, ás súas preocupacións e aos seus intereses con diversos proxectos e actividades.

Tras esa primeira xuntanza, prográmanse outros dous novos encontros. O venres, 22 de marzo, ás 19.00 horas, haberá un encontro na Casa da Cultura do Milladoiro, e o sábado, 23 de marzo, ás 11.00 horas, farase unha nova xuntanza no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. O obxectivo de ir facendo grupo e que os mozos e mozas interesados se unan a este club xuvenil. Con este novo club búscase crear un grupo de acción xestionado e dirixido polos propios mozos e mozas do concello.

A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, explica que “a finalidade deste novo proxecto é  crear asociacionismo xuvenil, para promover a participación activa e toma de decisións sobre as súas propias propostas, con proxectos e actividades que repercutan na veciñanza, sendo así unha parte activa da vida municipal”. Ademais, tamén explicou que a creación deste club “está ligada ao plan de saúde mental que temos previsto poñer en marcha este ano. Hai moitos mozos e mozas que sofren ansiedade, depresión, ou aos que lles costa socializar, e con esta iniciativa buscamos axudar á xente nova, que cremos é un dos colectivos máis esquecidos neste eido”.

Funcionamento do Club xuvenil
A base deste club serán as xuntanzas quincenais de dúas horas que se farán o primeiro e terceiro sábado de cada mes. Aínda así serán os propios mozos e mozas os/as que decidan os días nos que se xuntarán. Os días seleccionados están suxeitos a modificacións, ben por preferir outros días fixos ou porque na proposta de actividades de club sexa mellor cambiar algún de xeito puntual para facer algunha actividade concreta. Haberá un horario fixo de referencia, pero este tamén poderá ir variando segundo conveña á programación das actividades.

Será o propio grupo, formado por ata 30 persoas de entre 13 e 18 anos, o que marque o ritmo e as actividades. As propostas partirán dos propios mozos e mozas e, na medida do posible, tentarase facer todas as que se propoñan e se decida entre todos que son viables tendo en conta os recursos de que dispón o club.

Unha vez cada tres meses, o club propoñerá facer unha actividade máis grande, de medio día ou día enteiro, co obxectivo de que tamén poidan participar tamén os mozos e mozas do concello que non pertenzan ao club. A idea é que sexan actividades culturais, ambientais ou de dinamización, que repercutan en toda a veciñanza.

O proxecto tamén contempla facer cada trimestre (abril, setembro e decembro) unha saída de dous días a diferentes lugares de Galicia (Cabana de Bergantiños, Narón, Porto do Son), durmindo en albergues xuvenís, organizando a fin de semana entre todos, coñecendo sitios novos, afianzando ao grupo e avanzando cos mozos e mozas en responsabilidade, toma de decisións e autonomía.

Todas as actividades estarán coordinadas por 2 monitores/as con titulación e experiencia da empresa Aquelando SL, coworkers do espazo colaborativo A Proa do Concello de Ames, situado no parque empresarial do Milladoiro. Para dispor de máis información pódese chamar ao número de teléfono 667 665 705 ou escribir un correo electrónico ao enderezo clubxuvenilames@gmail.com.

Organízanse dúas novas xuntanzas do Club xuvenil de Ames

Multimedia

  • Organízanse dúas novas xuntanzas do Club xuvenil de Ames