Pestanas principais

Organízanse unhas xornadas sobre as plantas medicinais os días 5, 6 e 7 de marzo na Casa da Cultura de Bertamiráns

Martes, 03 de marzo de 2020

A Concellaría de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, a través da Aula da Natureza, organizou unhas xornadas sobre plantas medicinais que se desenvolverán os días 5, 6 e 7 de marzo na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta iniciativa está impartida por AQUAIGNIS. Haberá exposicións de plantas, charlas, visitas guiadas, obradoiros e proxeccións de pequenos vídeos. O sábado, 7 de marzo, farase unha saída de campo ás beiras do rego da Andoriña. As xornadas están dirixidas a grupos de escolares e ao público en xeral. Para obter máis información e inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 660 004 665.

A Aula da Natureza está desenvolvendo un programa específico de actividades que están dirixidas tanto ao alumnado dos centros de ensino amesáns coma á veciñanza en xeral. Para esta semana, os días 5, 6 e 7 de marzo, está previsto que a Casa da Cultura de Bertamiráns acolla unhas xornadas de plantas medicinais.

O xoves 5 de marzo abriranse as xornadas ás 9.30 horas cunha exposición de plantas. Ata as 13.55h varios grupos de escolares visitarán dita exposición e tamén haberá charlas sobre as plantas medicinais, farase un percorrido guiado pola exposición, impartiranse obradoiros e poderase ver algún vídeo relacionado con esta temática. As prazas para que o alumnado amesán visite a exposición xa están todas ocupadas. Acudirán rapaces e rapazas de 3º e 4º de educación primaria de distintos centros de ensino do municipio. O Concello pon a disposición dos colexios un autobús para desprazar ao alumando ata a Casa da Cultura de Bertamiráns e para volver ao colexio.

Pola tarde, en horario de 17.30 a 19.15 horas, o público en xeral poderá visitar a exposición. Ás 17.30h haberá unha visita guiada e ás 18.00h un obradoiro infantil. Pouco despois, ás 18.15h, tamén se impartirá unha charla visual sobre a iniciación ás plantas medicinais. A xornada do xoves pecharase ás 19.15h coa proxección de pequenos vídeos. Este mesmo programa repetirase a xornada do venres 6 de marzo. Para as actividades que se realizan o xoves e venres pola tarde hai que inscribirse.  

Saída de campo ao rego da Andoriña
Para o sábado, 7 de marzo, a partir das 10.00 horas, está prevista unha saída de campo polas beiras do rego da Andoriña, para recoñecer os hábitats onde medran as plantas medicinais, saber como recoñecelas, aprender cal é a mellor época para recollelas dependendo da súa floración, etc. Haberá servizo de autobús para participar nesta saída de campo. Ás 10.15h sairá da Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10.30h da praza do Concello, en Bertamiráns. É necesario inscribirse para participar nesta saída de campo.

O sábado 7, ás 13.00 horas, farase outra visita á exposición e ás 14.00 horas realizarase a clausura das xornadas. Para obter máis información e inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 660 004 665.

 

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Xornadas sobre plantas medicinais no concello de Ames"

El Correo Gallego: "Ames acolle unhas xornadas sobre plantas medicinais"

Cartel das xornadas sobre as plantas medicinais

Multimedia

  • Cartel das xornadas sobre as plantas medicinais