Pestanas principais

Organízase un Xantar solidario para o sábado, 23 de abril, na Casa da Cultura de Bertamiráns

Martes, 12 de abril de 2022

A Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde suma unha nova actividade á programación do Mes da Saúde. Neste caso vaise organizar un Xantar solidario o sábado, 23 de abril, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para participar nesta iniciativa solidaria haberá que inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo amesjornadasaludmental@gmail.com. Haberá 100 prazas para participar no Xantar solidario, que terá un prezo de 15 euros. Terán prioridade para inscribirse os participantes na xornada de saúde mental e os integrantes das asociacións que participan na Feira. O importe recadado será doado á Xunta Local de Ames da Asociación Española Contra o Cancro e á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia. Nesta iniciativa colaboran o CIFP Compostela, o restaurante A Ostrería, e mailas cafeterías das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

Esta mañá a Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a presentación da primeira edición do Xantar solidario de Ames, que se vai desenvolver o vindeiro sábado, 23 de abril, na Casa da Cultura de Bertamiráns, con motivo da celebración neste mesmo espazo da Xornada sobre saúde mental infanto-xuvenil de Ames, Coidados á mente, e da II Feira da Saúde e Ben-Estar. Trátase dunha nova iniciativa coa que se pretende recadar fondos para dúas das asociación que participan na programación do Mes da Saúde: Xunta Local de Ames da Asociación Española Contra o Cancro e Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia.

En dita presentación participaron a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, a técnica municipal do departamento de Promoción da Saúde, Rosana Martínez, o mestre de sala no CIFP Compostela, Manel Oliveira, a responsable da cafetería da Casa da Cultura de Bertamiráns, Rosa González, o responsable da cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro, José Luis Vázquez, a presidenta e tesoureira  da Xunta Local de Ames da Asociación Española Contra o Cancro, Esther Souto e Amparo Brea, a coordinadora e maila administrativa da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia, Yenny Rodríguez e Sara Tubio. Cómpre salientar que Maica Couto, responsable do restaurante A Ostrería, non puido asistir a dita presentación pero tamén vai colaborar nesta iniciativa.

A concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luisa Feijóo, explica que “aproveitando a xornada que imos ter da Feira da Saúde e da primeira xornada de saúde mental infanto-xuvenil, dándolle unhas voltas, decidimos que o axeitado sería ter un xantar solidario. O que se recade repartirémolo con dúas asociacións, AECC e ASANOG. Para iso contaremos coa colaboración de Manel e de Maica, e loxicamente dos responsables das cafeterías das Casas da Cultura, que prestarán as súas instalacións e as súas cociñas para que todo isto poida saír adiante. Animamos a todas aquelas persoas, tanto os que veñan a feira ou a xornada como ao resto da veciñanza a que participen neste evento solidario, no que imos elaborar unha serie de pinchos con produtos da terra e con cociña saudable”.

Servirase un xantar de pé para que as persoas que participen na Xornada de saúde mental e na Feira da Saúde e Ben-Estar poidan falar e intercambiar experiencias. O menú estará composto por maki de lacón con grelos; empanada galega; chupito de crema de cabaza o curry con pipas; tosta de espelta con aguacate e salmón; espeto de porco e piña á soia; polo con tomatiños e albahaca; polvo á mugardesa; escalibada con ventresca; e surtido de queixos galegos. Será un menú saudable no que se van empregar produtos locais e de proximidade. Unha parte do menú vai ser previamente elaborado na cociña da cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro e outra parte do menú será elaborado o propio día do xantar na cociña da cafetería da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Hai que inscribirse no Xantar solidario
Haberá 100 prazas para participar no Xantar solidario, que terá un prezo de 15 euros. Para participar nesta iniciativa solidaria haberá que inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo amesjornadasaludmental@gmail.com. O prazo para inscribirse estará aberto ata o mércores, 20 e abril, ás 14.00 horas. Terán prioridade para inscribirse os participantes na xornada de saúde mental e os integrantes das asociacións que participan na Feira.

Deste xeito, Manel Oliveira, mestre de sala no CIFP Compostela, e Maica Couto, responsable do restaurante A Ostrería, ambos veciños/as de Ames, colaboran nesta iniciativa elaborando o menú que se vai servir no Xantar solidario. Ademais, persoal do CIFP Compostela e do restaurante A Ostrería colaborarán no servizo. Os responsables das cafeterías das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro colaboran con persoal e cedendo as instalacións das súas cociñas para elaborar o menú. Ademais, Rosa González, da cafetería da Casa da Cultura de Bertamiráns, encargarse de servir un almorzo a media mañá para os participantes na xornada de saúde mental.  

Os fondos recadados serán para AECC e ASANOG
A presidenta da Xunta Local de Ames da Asociación Española Contra o Cancro, Esther Souto, destacou que “a AECC ven por segundo ano á Feira da Saúde de Ames porque nos parece unha iniciativa ideal para estar en contacto coa poboación, para que nos coñezan e para os que teñan algunha necesidade ou preocupación se acheguen ao noso stand e se informen. Estaremos non só no stand do concello o día da Feira, senón que este ano haberá tamén unha nova iniciativa, neste caso unha axuda no aspecto psicolóxico ás persoas doentes de cancro e as súas familias. Paréceme unha iniciativa moi boa e espero que co tempo se vaia consolidando. É unha maneira máis de axudar ao que nós queremos, que é a investigación contra o cancro. Se non hai investigación é imposible a axuda”.
 
A coordinadora de ASANOG, Yenny Rodríguez, dixo “queremos sobre todo agradecer ao Concello de Ames por invitarnos. É o segundo ano que estamos aquí, estamos moi contentos. Durante a semana, ASANOG vai impartir unha charla o venres, cunha voluntaria nosa que é psicóloga, para axudar a aquelas persoas que poidan ter na casa a un caso dun diagnóstico dun neno pequeno de calquera tipo de cancro, que poidan afrontalo da mellor forma posible. Ela dará indicacións e pode ser moi interesante tanto para familias como achegados. Logo o sábado estaremos aquí todo o día na Feira, e esperamos contar con toda a veciñanza e que faga bo día. Dar as grazas pola iniciativa, toda a axuda é pouca”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Un Xantar Solidario el día 23 completará las jornadas de salud amienses"

El Correo Gallego: "Llaman a los cien más solidarios para el xantar que luchará contra el cáncer"

Enfoques: "Ames organiza un ‘xantar solidario’ en Bertamiráns el próximo sábado 23"

Imaxe da presentación do Xantar solidario