- Tematica
O Concello de Ames organiza, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, unha visita á Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón. A actividade, que se enmarca dentro da programación municipal polo Día de Rosalía, terá lugar este sábado, 15 de febreiro. Para participar é preciso reservar praza. Poderase facer ata este xoves 13 de febreiro, a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal ou do número de teléfono 662 377 215. O prezo de excursión será de 1,5 euros, a tarifa da entrada á Casa-Museo de Rosalía. O día da visita, a saída en autobús está programada para as 10:00 horas no Milladoiro e as 10:15 horas en Bertamiráns. As localizacións que se visitarán pertencen á chamada Ruta Rosaliana.
O Concello de Ames conmemora o 183 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro cunha ampla programación a través da que se pretende difundir a figura de poetisa. Así, entre as diversas actividades e actos organizase, un ano máis, unha excursión ás localizacións máis emblemáticas da vida e obra da autora baixo o título Viaxando con Rosalía.
A primeira das paradas desta visita será en territorio amesán, na casa situada na Tarroeira, na parroquia de Ortoño, onde Rosalía pasou os primeiros anos da súa vida. A saída continuará en Bastavales, na parroquia de Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizaron un dos versos máis soados da autora. A seguinte parada será xa no concello de Padrón, onde as persoas participantes realizarán unha visita a Iria Flavia e á Casa-Museo de Rosalía de Castro, coñecida como a Casa da Matanza.
Durante a excursión, a escritora amesá e estudosa da figura de Rosalía de Castro, María López Sández, será a encargada de achegar información sobre a vida da homenaxeada e a súa obra, da súa traxectoria, do seu pensamento e da súa vixencia na actualidade.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata este xoves, 13 de febreiro. Para inscribirse nesta actividade cómpre enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar por teléfono ao 662 377 215 e indicar o nome e apelidos das persoas asistentes, idade, teléfono de contacto e o lugar de saída (O Milladoiro ás 10:00h ou Bertamiráns ás 10:15 horas). O número de prazas dispoñibles é de 60 e outorgaranse por orde de inscrición. A excursión ten un custo de 1,50 € (prezo da entrada á casa-museo).
Novas relacionadas:
Compostela 24 horas: "Ames organiza unha excursión literaria á Casa de Rosalía de Castro este sábado"