Pestanas principais

Organízase unha xornada de portas abertas de piragüismo con barcos dragón

Luns, 17 de xuño de 2024

Os Concellos de Ames e Brión, xunto co Club de piragüismo Ribeiras do Tambre, organizan unha xornada de portas abertas de piragüismo, que se desenvolverá no lugar de Ponte Ínsua - Ons (Brión), o sábado 22 de xuño, entre as 10:00 e as 14:00 horas. Nesta xornada os/as participantes navegarán nun barco dragón, unha embarcación de 12,5 metros cunha tripulación de 22 padexeiros/as. Á xornada poderán asistir todas aquelas persoas maiores de 8 anos interesadas, sempre e cando saiban nadar. Para participar nesta actividade gratuíta é necesaria a inscrición previa a través do correo electrónico info@ribeirasdotambre.es . Haberá que levar traxe de baño, camiseta e chancletas.

Coa chegada do verán, as actividades e deportes acuáticos convértense nunha alternativa óptima e refrescante para divertirse e gozar na natureza. Con este obxectivo, a Concellaría de Deportes organiza, en colaboración co club de piragüismo Ribeiras do Tambre e co Concello de Brión, unha xornada de portas abertas de piragüismo, o sábado 22 de xuño, no lugar de Ponte Ínsua - Ons (Brión).

Esta é unha nova actividade que organiza a Concellaría de Deportes coincidindo co inicio do verán. Para elo o Concello dispón de dous barcos dragón que son cedidos pola Federación Galega de Piragüismo. Ditas embarcación teñen a vantaxe de que os/as participantes non necesitan ningunha experiencia previa para poder navegar. Esta actividade realízase nun embalse situado no lugar de Ponte Ínsua – Ons, no concello de Brión.

Nesta iniciativa tamén colaboran os Concellos da Baña, Negreira, Val do Dubra, a Deputación da Coruña, Deporte Galego da Xunta de Galicia, a Federación Galega de Piragüismo, BJ Trainers & Co, ASANOG e Ternera Gallega. Deste xeito, a entidade BJ Trainers & Co colabora na actividade achegando a varios nenos e nenas pertencentes a Asociación de axuda a nenos/as oncolóxicos de Galicia (ASANOG) para que participen nesta xornada.

Xornada de iniciación nun barco dragón
A navegación en barco dragón é unha especialidade deportiva de orixe chinesa, con case tres mil anos de antigüidade. O barco dragón é una embarcación cuxa tripulación está composta de 12 ou 22 padexeiros/as, na que un/unha deles vai marcando o ritmo das padexadas cun tambor, e outro é o que dirixe o timón (que leva a dirección do barco). As tripulacións están formadas tanto por homes como por mulleres, podendo ser tamén mixtas, dentro das categorías júnior, sénior, open, mixto e veteranos/as.

Neste caso as dúas embarcación de barco dragón estarán compostas por 22 padexeiros/as. Durante a mañá, os e as participantes aprenderán a navegar nos barcos dragón e a manexar as palas para que a embarcación se desprace correctamente. Esta actividade desenvolverase en horario de 10.00 a 13.00 horas. Así, todas as persoas que desexen iniciarse no deporte do piragüismo con barco dragón poderán participar e gozar desta xornada. Os únicos requisitos para participar na actividade serán ter máis de 8 anos e saber nadar. Asemade, recoméndase o uso de traxe de baño, camiseta, e chancletas.

Como participar?
Para participar nesta actividade, que é gratuíta, hai que inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo info@ribeirasdotambre.es . Para máis información poden enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 619 842 504.

Organízase unha xornada de portas abertas de piragüismo con barcos dragón

Multimedia

  • Organízase unha xornada de portas abertas de piragüismo con barcos dragón