Pestanas principais

Os alcaldes de Ames, Brión, Dodro e Padrón asinan un convenio para promocionar a ruta As pegadas de Rosalía

Xoves, 01 de agosto de 2024

Os alcaldes de Ames, Blas García; Brión, Pablo Lago; Dodro; Xabier Castro; e Padrón, Anxo Arca, asinaron este martes na sede da Fundación Rosalía o convenio polo que os catro concellos acordan traballar conxuntamente na xestión, desenvolvemento e promoción turística da Ruta Rosaliana-As pegadas de Rosalía, un itinerario que percorre lugares intimamente vencellados á vida e á obra de Rosalía de Castro.

Os rexedores déronlle o visto bo á creación dunha comisión mixta que xestionará a agrupación supramunicipal e todas aquelas iniciativas e  actividades que desenvolva para conservar e promocionar esta ruta rosaliana e o patrimonio material e inmaterial da súa contorna.

Así mesmo, o acto serviu para presentar unha nova edición da ruta As Pegadas de Rosalía, que se desenvolverá o sábado 14 de setembro e permitiralle ás persoas participantes achegarse aos lugares que marcaron a vida e a obra da nosa escritora máis universal con visitas guiadas e teatralizadas.

As inscricións son gratuitas e deberán formalizarse a través da páxina  www.padronturismo.gal/inscricions entre o luns 26 de agosto e o martes 10 de setembro. As prazas adxudicaranse por orde de rexistro e nas mesmas deberá indicarse o punto de saída (Dodro ás 9.15 horas, Padrón ás 9.30 horas, O Milladoiro ás 9.30 horas, Brión ás 9.45 horas e Bertamiráns ás 10.00 horas).

Ao remate da ruta, ao redor das sete da tarde, todas as persoas participantes e aquelas que queiran asistir ata completar o aforo poderán gozar dun concerto de Manoele de Felisa na igrexa de Santa María de Iria Flavia.

A ruta As Pegadas de Rosalía foi creada en 2017 e presentada en Fitur un ano despois. O acto de onte contou coa presenza de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía que vén apoiando e colaborando con este proxecto desde o inicio.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames, Brión, Dodro e Padrón divulgan a ruta «As pegadas de Rosalía»"

Enfoques: "Ames, Dodro, Padrón y Brión unen fuerzas en la ruta As pegadas de Rosalía"

Os alcaldes de Ames, Brión, Dodro e Padrón asinan un convenio para promocionar a ruta As pegadas de Rosalía

Multimedia

  • Os alcaldes de Ames, Brión, Dodro e Padrón asinan un convenio para promocionar a ruta As pegadas de Rosalía