[24-03-2011] Os alcaldes de Ames, Carlos Fernández, e de Brión, Xosé Luís García, recabaron o apoio do secretario de estado de Seguridade, Antonio Camacho, e do delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, ao seu proxecto para a prestación conxunta dos servizos de Emerxencias e Protección Civil e Policía Local por parte de ambas administracións locais. Unha iniciativa pioneira en toda España coa que os Concellos de Ames de Brión pretenden mellorar a prestación e cobertura dos servizos de Emerxencias, Protección Civil e Policía local en ambos termos municipais. Xosé Luís García e Carlos Fernández levarán o proxecto de fusión á aprobación plenaria o sábado 26 de marzo (Brión) e o xoves 31 de marzo (Ames).
O alcalde de Ames, Carlos Fernández, sinala que esta reunión "é un novo espaldarazo ao noso proxecto, despois do recibido hai uns días do conselleiro da Presidencia, polo que agora só nos resta levalo aos nosos respectivos plenos municipais para que o acordo poida ser unha realidade". Uns plenos que terían lugar o vindeiro sábado 26 de marzo en Brión e o xoves 31 de marzo en Ames. Pola súa banda, Xosé Luís García explica que "tanto o secretario de estado como o delegado do Goberno recibiron con moito interese o proxecto, xa que destacaron que era un exemplo a seguir de cooperación entre municipios".
Unha vez aprobados por ambos plenos, os alcaldes remitirán esas autorizacións ao Ministerio de Interior e á Xunta de Galicia para conseguir o visto bo definitivo a un proxecto que aportará significativos beneficios e melloras aos veciños e veciñas de Ames e Brión. Así, a través deste acordo, Ames poderá dotarse dun servizo de Emerxencias e Protección Civil (como consecuencia da posta a disposición dos recursos materiais e persoais aportados polo GRUMIR de Brión) e Brión conseguiría un reforzo substancial no servizo da Policía Local, como consecuencia dos recurso materias e persoais aportados polo Concello de Ames.
Ademais, coa posta en marcha deste convenio de colaboración ábrense unhas grandes perspectivas de futuro, xa que ambos Concellos estudian a posibilidade de extender esta colaboración a outros servizos municipais.
Principais beneficios do acordo
A posta en marcha deste convenio de colaboración suporíalle aos dous Concellos unha serie de beneficios como son a mellora na prestación e cobertura dos servizos a custe cero e a optimización de recursos existentes. Os veciños dos respectivos concellos terán a súa disposición un conxunto formado polos servizos de Emerxencias, Protección Civil e Policía local, con reforzo de recursos materiais e persoais, e cunha mellora substancial na calidade da súa prestación, sen necesidade de incrementar as partidas orzamentarias destinadas a tal fin. Esta mellora e reforzo dos servizos derívase da colaboración de ambos concellos e a posta en común dos seus recursos, sen necesidade de asumir novos custes económicos. Polo tanto esta mellora na prestación de servizos tería un custe cero.
Outro dos beneficios deste proxecto é a mellora na prestación e cobertura dos servizos sen necesidade de crear novas estruturas administrativas, así como a prestación efectiva e ordinaria dos servizos de Policía local e Protección Civil as 24 horas dos 365 días do ano, e na totalidade do territorio de ambos municipios. A mellora e reforzo dos servizos derívase da colaboración de ambos Concellos e a posta en común dos seus recursos e medios, aproveitando os enramados e mecanismos administrativos xa existentes, sen que se derive, polo tanto, sobrecarga administrativa.
Incremento dos recursos
Un dos principais beneficios refírense ao incremento dos recursos dispoñibles. Prodúcese un incremento cuantitativo de recursos dispoñibles para a prestación do servizo de Policía local, principalmente no que se refire a número de axentes e de vehículos, xa que os Concellos de Ames e Brión pasarán a dispor dun corpo de seguridade composto por 28 membros (un inspector, 3 oficiais e 24 policías). Ata o de agora Ames dispón de 25 axentes (un inspector, 2 oficiais e 22 policías) e Brión dispón de 3 axentes (1 oficial e 2 policías). Este corpo de seguridade tería que atender a unha extensión territorial de 155 quilómetros cadrados e a unha poboación total de 35.247 habitantes (27.900 habitantes censados en Ames e 7.347 habitantes que están censado en Brión). O número de habitantes está actualizado segundo o padrón do INE, a 1 de xaneiro de 2010, pero a día de hoxe xa sería unha poboación levemente maior.
Deste xeito o Concello de Brión e Ames pasarían a ter unha ratio de axentes por cada mil habitantes de 0,8. Mentres que no caso de Ames non variaría a ratio no caso de Brión produciríase unha clara melloría sobre as ratios anteriores xa que na actualidade é de 0,40. En canto ao parque móbil estaría composto por 6 vehículos (5 automóbiles e unha motocicleta).
Ademais reforzaríase a plantilla da Policía local de forma inmediata, sen necesidade de ter que realizar procesos selectivos e agardar á superación dos períodos formativos e de prácticas (no caso de que se incorporasen novos axentes mediante procesos selectivos). Increméntase a capacidade operativa e a velocidade de resposta ante posibles incidencias. Existe a posibilidade de poder dispoñer, nunha mesma quenda de servizo, de ata cinco dispositivos/patrullas, composto cada un deles por un automóbil e dous axentes (coa posibilidade de engadir na mesma quenda un axente que se desprace en motocicleta).
O servizo de Policía local pasaría a estar integrado por un cadro de mandos composto por catro axentes (un inspector e tres oficiais), o cal permitirá que, cando menos, exista un mando por quenda de servizo, e con posibilidades de alternancia dos mesmos. Así habería un servizo mellor estruturado, de conformidade coas diferentes categorías profesionais e funcións que normativa prevé ao respecto. Tamén se dispoñería de maior capacidade para o mantemento do cuadrante de servizos, con cobertura de todas as quendas, en caso de ausencia de efectivos (baixas, vacacións, permisos e outras incidencias que provoquen a imposibilidade de asistencia dos axentes).
O servizo de Emerxencias e Protección Civil estaría composto de catro membros que serían persoal estable (un xefe de protección civil e tres oficiais-xefes de grupo) e 12 persoas encadradas dentro do apartado de persoal eventual (3 oficiais-capataces e 9 peóns). Por outra banda o parque móbil estaría composto por 4 vehículos (1camión forestal, 1 coche de mando, 1 vehículo de intervención con bomba e 1 camión urbano). Ao igual que no caso da Policía local este servizo cubriría a unha extensión territorial de 155 quilómetros cadrados e a unha poboación total de 35.247 habitantes.
Aforro económico
A posta en marcha deste proxecto suporá un importante aforro económico para os dous Concellos. Tanto Ames como Brión terían que achegar un importe estimativo de 400.000 euros para dotar aos seus concellos dos medios e recursos necesarios para poder prestar este conxunto de servizo, con mínimas garantías, as 24 horas dos 365 días do ano.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El delegado del Gobierno recibe el plan de fusión de las policías de Ames y Brión"
La Voz de Galicia: "El delegado del Gobierno recibe el plan de fusión de las policías de Ames y Brión"
El Correo Gallego: "Fernández y García consiguen apoyos para su plan común"
El Correo Gallego: "Fernández y García consiguen apoyos para su plan común"