Pestanas principais

Os alumnos e alumnas do CEIP de Barouta foron os encargados de plantar sobreiras nos montes de Ames

Mércores, 22 de xaneiro de 2020

Os alumnos e alumnas do CEIP da Barouta realizaron unha plantación de pequenas sobreiras nun viveiro municipal. A actividade, que tivo lugar nunha finca propiedade do concello no Lugar de Ventosa, está coordinada pola Aula da Natureza do Concello de Ames ca participación da Brigada APROL RURAL. Con este acontecemento ponse en marcha o plan municipal de recuperación das sobreiras nos montes de Ames no marco das actividades de valoración do monte e mantemento da biodiversidade.

En anos precedentes o CEIP da Barouta plantou nas aulas castañas, landras de carballo, landras de sobreira, noces e outros froitos de outono como unha actividade de contido ambiental e social para os seus alumnos. Da mesma maneira, tamén o fixeron as escolas infantís de O Bosque e a Magdalena co seu pequeno alumnado. Agora, unha vez obtidas as pequenas plántulas, a Aula da Natureza do Concello de Ames organiza plantacións en diferentes espazos do concello.

Os primeiros en levar a cabo estas plantacións foron as alumnas e alumnos do CEIP da Barouta na parcela de propiedade municipal situada en Ventosa (Ames). As plántulas que hoxe trasladaron ao viveiro corresponden ás sementes que plantaron os alumnos do curso pasado, mentres que as súas sementes seguen crecendo nas súas aulas.

Plan municipal de recuperación das sobreiras nos montes de Ames

Con este tipo de actividades ponse en marcha o plan municipal de recuperación  das sobreiras nos montes de Ames, no marco das actividades de valoración do monte e mantemento da biodiversidade. Este, ten como obxectivo valorizar as funcións dos montes, os seus aproveitamentos complementarios e a necesidade de apreciar na biodiversidade unha riqueza da que non podemos prescindir se queremos manter a estabilidade dos ecosistemas.

O plan comezou co coñecemento das especies, neste caso das sobreiras (Quercus sober) e cunha recolección de sementes con saídas ao monte dos centros escolares. Estas sementes foron cultivadas polos centros, facendo, os propios alumnos/as, un seguimento do cultivo. Finalizadas todas estas fases, chegamos ao traslado e plantación destas sobreiras no viveiro municipal, actividade que inauguraron os nenos e nenas do CEIP da Barouta na propiedade municipal situada en Ventosa.

Aínda que o plan agora mesmo se centra nas sobreiras, irá cambiando de especie prioritaria periodicamente. Posteriormente realizarase, dentro do plan de traballo, un seguimento anual do sobreiral cos centros escolares participantes, coordinados pola Aula da Natureza. Avaliarase o crecemento dos exemplares e realizaranse os traballos forestais que precisen.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Alumnos del CEIP Barouta repueblan con alcornoques"

Compostela 24 horas: "Os alumnos e alumnas do CEIP de Barouta foron os encargados de plantar sobreiras nos montes de Ames"

La Voz de Galicia: "El colegio de Barouta planta, recicla y hasta le da a la robótica"

Alumnos/as do CEIP de Barouta

Multimedia

  • Alumnos/as do CEIP de Barouta
  • Alumnos/as do CEIP de Barouta
  • Alumnos/as do CEIP de Barouta
  • Alumnos/as do CEIP de Barouta