- Tematica
Iván Gutiérrez e Cosme González, os dous veciños de Ames e pertencentes ao Club Ximnasia Rítmica Compostela, acaban de gañar a medalla de ouro no campionato nacional base individual masculino de ximnasia rítmica. Dito campionato celebrouse do 8 ao 13 de abril no Palacio multiusos de Guadalajara. Iván Gutiérrez foi campión de España de ximnasia rítmica na categoría cadete, mentres que Cosme González tamén se proclamou campión de ximnasia rítmica na categoría xuvenil.
O Palacio multiusos de Guadalajara acolleu do 8 ao 13 de abril o Campionato nacional de ximnasia rítmica base individual no que dous veciños de Ames, Iván Gutiérrez e Cosme González, pertencentes ao Club Ximnasia Rítmica Compostela, acadaron a medalla de ouro nas categorías cadete e xuvenil. Dende o Concello de Ames celebran esta boa nova para a comunidade deportiva amesá e animan a Iván e Cosme a seguir adestrando para conseguir novos éxitos.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou que “Ames é un concello cheo de talento para o deporte, tal e como se demostra cos continuos premios e recoñecementos que reciben as nosas e os nosos deportistas. Este éxito é froito do seu esforzo e dedicación e dende o Concello de Ames non podemos máis que expresar o noso orgullo e felicitar a Iván e Cosme polo éxito acadado”.
Iván Gutiérrez, medalla de ouro cadete
Iván Gutiérrez mostrouse, nos micrófonos de Ames Radio, moi satisfeito co resultado obtido no campionato nacional. “Ía con gañas de facelo ben e intentar gañar o campionato, e ao final puiden conseguilo polo que estou moi contento. Par min é un orgullo moi grande acadar esta medalla de ouro. Teño que agradecer o traballo e apoio do club, da miña adestradora, da miña familia e dos meus amigos. Agora xa comezo a pensar no campionato de España de conxuntos. Imos con gañas de aprender da experiencia e de desfrutar deste novo campionato”.
Este foi o segundo campionato nacional a nivel individual no que participou Iván Gutiérrez. O deportista amesán acadou en 2024, na súa primeira participación, a medalla de bronce no campionato nacional de ximnasia rítmica individual. Ademais, no ano 2023 foi prata en ximnasia acrobática por parellas. Agora en 2025 suma ao seu palmares unha medalla de ouro en ximnasia rítmica individual.
Cosme González, medalla de ouro xuvenil
Por outra banda, Cosme González tamén falou en Ames Radio sobre o campionato nacional logrado esta pasada fin de semana en Guadalajara. “Foi unha experiencia moi positiva e divertida. Estou moi contento porque nesta medalla de ouro veuse reflectido todo o meu traballo. Estaba nervioso pero cando rematei saín do tapiz moi contento coa miña actuación e recibín unha moi boa puntuación que me permitiu gañar a a medalla de ouro”.
Para Cosme González esta foi a súa primeira participación nun campionato nacional de ximnasia rítmica a nivel individual. Segundo explica este ano, xunto a súa adestradora, decidiron participar na modalidade individual. Anteriormente participou no campionato de España na modalidade de conxuntos.
“É moi distinto competir en conxuntos que a nivel individual, porque toda a presión recae nun só. Gústame tamén moito competir en grupo polo compañeirismo que temos e polo traballo en equipo que realizamos. A nivel visual hai cousas en conxunto que a nivel individual non podes facer. No nacional imos competir un conxunto de cinco persoas, tres rapazas e dous rapaces”.