Pestanas principais

Os atletas amesás do MillaRaio conseguen resultados destacables no Campionato de España Individual Sub14 e Sub16

Xoves, 05 de novembro de 2020

As competicións, celebradas ao aire libre a fin de semana do pasado 24 e 25 de outubro en Madrid e Granollers, contaron con tres atletas do Club Atletismo MillaRaio. Os rapaces clasificados, Daniel Cariñena López, Pablo Cariñena López e Nuno Castro Albán, conseguiron mellorar as súas propias marcas.

Daniel Cariñena López, actual campión galego dos 100 metros lisos na categoría sub16, obtivo a sétima posición na semifinal dos 100 metros lisos no campionato de España Sub16, en Granollers.

Por outra banda, os atletas sub14 Pablo Cariñena López e Nuno Castro Albán participaron no campionato de España Sub14 individual, celebrado en Madrid, que se dividiu nun conxunto de cinco tríatlons, é dicir, diversas probas combinadas nas que cada atleta realiza tres probas diferentes.

Pablo Cariñena, que vén de conseguir o bronce individual nos 80 metros lisos no campionato de España por equipos celebrado en Nerja, rematou na vixésimo primeira posición no tríatlon D. Nesta categoría inclúense probas de 80 metros lisos e os lanzamentos de disco e peso. O mozo conseguiu 1.328 puntos, sendo segundo na clasificación global deste triatlón na proba dos 80 metros lisos e mellorando en máis de 4 metros a súa marca en lanzamento de disco.

Nuno Castro, que tamén participou en Nerja onde xa mellorara a súa marca en 80 metros valos, alcanzou 988 puntos e foi décimo noveno na modalidade de tríatlon A. Deste xeito, o atleta do Club de atletismo MillaRaio participou nas probas de 80 metros lisos, 80 metros valos e lanzamento de peso, mellorando a súa marca persoal nas tres probas e sendo o segundo mellor atleta de 2008 deste triatlón.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El MillaRaio firma unos buenos resultados en Granollers y Madrid"

Pablo e Nuno.

Multimedia

  • Daniel.