Pestanas principais

Os Concellos asinantes do manifesto pola liberalización da AP-9 ven máis necesaria que nunca a liberalización da autoestrada tras revelarse os 210 millóns recadados no 2024

Sábado, 12 de abril de 2025

Os alcaldes dos Concellos de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira volven pronunciarse sobre a necesidade de liberalizar a AP-9, destacando a importancia estratéxica do tramo Santiago-Padrón, tras a publicación da conta de resultados de Audasa, que facturou máis de 210 millóns de euros no ano 2024.

Os alcaldes dos Concellos asinantes do manifesto para á liberalización da AP-9 o pasado mes de febreiro ven que a solicitude enviada ao Ministerio de Transportes para a creación dunha mesa de diálogo entre Concellos afectados e Goberno de España para abordar a gratuidade desta infraestrutura dende un punto de vista municipalista é máis necesaria que nunca.

Os rexedores conclúen que “Audasa está esquilmando aos nosos veciños e a nosa actividade económica, o tramo Santiago-Padrón en particular e AP-9 en xeral debe ser libre canto antes”. Deste xeito alcaldes de distinto signo político volve a unirse para facer patente a necesidade de abordar esta situación dende un punto de vista apartidista e poñendo ás persoas como prioridade á hora de actuar.

Respaldo total á Fegamp para liderar á loita por unha AP-9 libre
Os alcaldes dos Concellos de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira asinaron o pasado mes de febreiro no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, un manifesto reclamando a constitución dunha mesa de traballo entre o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostenible e os Concellos afectados directamente polas tarifas da AP-9, que teña como obxectivo final a gratuidade da mesma.

Tras a sinatura deste manifesto e posterior cume anunciada pola Fegamp, dende os Concellos anuncian un respaldo total á Fegamp nesta xuntanza e urxen medidas ao Goberno do Estado: “O pasado febreiro demos un paso moi importante, facer que os Concellos por primeira vez entren a formar parte dun debate que leva demasiados anos enquistado. Agora é o momento de seguir remando para que se teñan en conta as nosas reivindicacións”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Reiteran la petición para liberar de peaje la AP-9 tras conocer su facturación"

El Correo Gallego: "Concellos pola gratuidade da AP-9 claman contra os beneficios de Audasa"

Os Concellos asinantes do manifesto pola liberalización da AP-9 ven máis necesaria que nunca a liberalización da autoestrada tras revelarse os 210 millóns recadados no 2024