- Tematica
Este pasado mércores, 18 de setembro, o concelleiro de Turismo do Concello de Ames, Manuel Lens, e a técnica municipal de turismo, Sonia Moure, reuníronse en Padrón cos representantes e técnicos do departamento de turismo dos concellos de Brión, Dodro, Padrón e Santiago, co obxectivo de seguir avanzando no impulso da ruta rosaliana As pegadas de Rosalía. Así, durante o encontro, entre outros temas, aprobouse a incorporación do Concello de Dodro a este grupo de traballo; analizáronse as diferentes propostas legais para facer un convenio/protocolo co obxectivo de poder optar a axudas económica e perfilouse a programación para o ano 2020.
O centro social de Padrón acolleu o pasado mércores unha reunión entre os representantes e técnicos dos departamentos de Turismo dos concellos de Ames, Brión, Dodro, Padrón e Santiago, durante a que se pormenorizaron algunhas das medidas destinadas a impulsar a Ruta Rosaliana, que percorre os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro ao longo destes concellos. Na xuntanza, por parte do Concello de Ames, participaron o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, e a técnica municipal de turismo, Sonia Moure.
Entre os temas tratados ao longo da mañá, destaca a incorporación do Concello de Dodro como membro deste grupo de traballo para impulsar dita ruta. Ademais, realizouse unha análise das actividades realizadas ata este momento ao abeiro da ruta rosaliana. Deste xeito, cabe lembrar en xaneiro de 2018 os Concellos de Ames, Brión e Padrón presentaron en Fitur esta ruta cultural. Máis recentemente, no pasado mes de maio, púxose en funcionamento a páxina web da ruta cultural As pegadas de Rosalía. Tamén no pasado mes de maio realizouse unha ruta polos lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro. Esta mesma ruta xa se fixo en maio de 2018.
Por outra banda, coincidindo co aniversario de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro, puxéronse en marcha as iniciativas Caldo de Gloria e Café con Verso. A iniciativa Caldo de Gloria realizouse xunto cos municipios de Brión, Padrón e Santiago, e coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro, mentres que a actividade Café con verso xurdiu no ano 2017 froito da colaboración entre as Concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica e Turismo e mailo poeta amesán Carlos Negro.
Os/as participantes en dita xuntanza tamén analizaron as diferentes posibilidades legais para facer un convenio/protocolo co obxectivo de poder optar a axudas económicas, así como a posibilidade de establecer un convenio coa Deputación da Coruña. Hai que lembrar que o pasado 21 de marzo de 2019 presentouse na Dirección xeral de Patrimonio Cultural a declaración da ruta rosaliana como ben de interese cultural na categoría de vía cultural. Por último, tratouse o proxecto de sinalización turística da ruta rosaliana e maila planificación de actividades para o ano 2020.
O concelleiro de Turismo do Concello de Ames, Manuel Lens, explica que “esta xuntanza serviu para facer un repaso das actividades que se levan feito arredor da ruta rosaliana e perfilar as que se van a organizar en 2020. Ademais, analizáronse diferentes propostas legais para tratar de establecer un convenio ou un protocolo para poder optar a diferentes axudas económicas e avanzouse no proxecto de sinalización da ruta rosaliana”.