Pestanas principais

Os concellos de Ames e Santiago presentan unha nova edición do Vives Emprega

Mércores, 06 de febreiro de 2019

[06-02-2019] Esta mañá, o edificio CERSIA de Santiago acolleu a presentación dunha nova edición do programa Vives Emprega, no que estiveron presentes a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade de Ames, Luísa Feijóo, a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros cívicos de Santiago, Concepción Fernández, e a responsable de oficinas de Acción Social contra el Hambre en Galicia, Asturias, Castela-A Mancha e Madrid, Laia García. A finalidade desta iniciativa, promovida por Acción contra a fame, é facilitar a inclusión sociolaboral de persoas que atravesan unha situación de dificultade para acceder ao mercado laboral. O curso realizarase no Centro sociocultural de Santa Marta.


Con respecto a esta nova edición, a concelleira amesá de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, animou aos participantes a que “aproveiten a oportunidade que se lles ofrece. Oxalá que todos e todas poidades atopar ese emprego que buscades, posto que estes coñecementos, ademais de quedar sempre aí, vanvos axudar nun futuro a esa mellora da vosa empregabilidade”. Durante a presentación, a edil tamén quixo destacar que “este proxecto, ademais de innovador, é moi importante tanto polo obxectivo, que é mellorar a empregabilidade de colectivos con dificultades especiais para acceder ao emprego, como polo seu destino, posto que permite que estas persoas poidan seguir medrando e acadar esa autonomía que todos queremos”.

Pola súa banda, a concelleira Concepción Fernández, tamén quixo salientar a importancia da iniciativa, “como exemplo de coordinación e colaboración entre institucións, entidades e persoas, cun proxecto no que traballan todas por un obxectivo”. Ao mesmo tempo, quixo desexar aos asistentes “un curso cheo de aprendizaxe, experiencias e vivencias persoais que vos sirvan para tomar impulso e conseguir os vosos obxectivos”, e destacou a “necesidade da sociedade de contar con cidadáns formados e conscientes que nos enriquezan como comunidade”.

Laia García quixo mostrar o seu agradecemento a todos os colaboradores do programa e darlle a benvida aos participantes, adiantando que ao longo do curso “vamos a retarvos constantemente, porque o noso máximo obxectivo é sacar o mellor que tedes de vós mesmos e sacar a vosa forza, baseando a nosa metodoloxía no que buscan as empresas na actualidade”.

Durante a presentación, varios participantes de anteriores edicións falaron sobre o que supuxo para eles o seu paso por este programa.

Vives Emprega dende a súa orixe
O programa Vives Emprega botou a andar en abril de 2014, e dende entón máis de 4.800 persoas desempregadas participaron nas 77 edicións realizadas. Nestes case cinco anos de percorrido, o 52% dos participantes encontraron emprego despois de participar no programa, mentres que o 29% decidiu retomar os seus estudos co obxectivo de mellorar a súa formación e, por conseguinte, a súa empregabilidade.

En Galicia, esta iniciativa comezou no ano 2016 e formou a máis de 463 persoas, cunha porcentaxe de inserción do 66%. O 46% dos participantes atoparon traballo, mentres que o 20% corresponde a inserción formativa, posto que cursaron algunha formación encamiñada á mellora das súas posibilidades de inserción no mercado laboral.

Acción contra a fame é unha organización humanitaria internacional que loita contra as causas e os efectos da fame. Salvan a vida de nenos e nenas desnutridos. Garanten ás familias acceso a auga segura, alimentos, formación e coidados básicos de saúde. Tamén traballan para liberar a nenos, mulleres e homes de ameázaa da fame. En España traballan contra o desemprego e pola inclusión sociolaboral de persoas con dificultades de acceso ao mercado de traballo.


Esta mañá botou a andar unha nova edición do programa Vives Emprega, promovido por Acción contra a fame, financiado polo Fondo Social Europeo e pola Fundación La Caixa e que conta coa colaboración dos Concellos de Ames e Santiago. Ao acto de presentación, que tivo lugar ás 11.00h no edificio CERSIA, acudiron a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade de Ames, Luísa Feijóo, a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros cívicos de Santiago, Concepción Fernández, e a responsable de oficinas de Acción Social de Acción contra el Hambre en Galicia, Asturias, Castela-A Mancha e Madrid, Laia García.

Mediante esta iniciativa, buscase promover a adquisición de habilidades sociais e competencias básicas para persoas que están a atravesar unha situación de dificultade para acceder ao mercado laboral. Para elo, realízanse unha serie de talleres e actividades destinadas a fomentar o desenvolvemento persoal dos participantes, mediante o fortalecemento do seu descubrimento, a autoestima e a automotivación. Asemade, ao longo deste semestre, buscarase aumentar o nivel de empregabilidade destas persoas partindo das súas capacidades, tanto actuais como potenciais, ao tempo que se definen os obxectivos persoais e profesionais de cada un dos participantes para, posteriormente, mobilizalos para conseguilos. Neste primeiro semestre do ano, participarán un total de 50 persoas, 25 do Concello de Ames e 25 de Santiago.

Ademais, dende a organización, mobilizaranse os recursos e ferramentas dispoñibles no entorno para favorecer a igualdade de oportunidades dos colectivos en situación de risco social. Así, está especialmente dirixido a persoas paradas de larga duración, inmigrantes, vítimas de violencia, exadictos, persoas en risco de exclusión social, menores de 25 anos que queiran acceder ao seu primeiro emprego, maiores de 45 anos.

O programa apoiase tanto en sesións grupais como en sesións individuais e personalizadas, así como contactos directos con empresas e a participación en eventos de emprego e talleres con responsables de recursos humanos de empresas colaboradoras, que axudan a incrementar as posibilidades laborais de inserción das persoas participantes.