Pestanas principais

Os cursos de “Alfabetización Dixital no Rural” chegan ás parroquias de Ames

Martes, 31 de agosto de 2021

A Concellaría de Cultura organizou, dende setembro ata decembro, un curso de alfabetización dixital nas parroquias de Agrón, Trasmonte, Bugallido, Biduído, Augapesada, Covas, Tapia, Ameixenda e Ortoño. O primeiro obradoiro impartirase o 13 de setembro. As prazas son limitadas e para inscribirse é preciso chamar ao número de teléfono 615 401 264 ou 626 540 755.

Os veciños e veciñas do rural de Ames xa poden inscribirse nos cursos que organiza a Concellaría de Cultura para achegar coñecementos sobre as novas tecnoloxías ás  parroquias. Os obradoiros terán unha duración de 25 horas prácticas, repartidas durante 3 meses en dúas horas á semana. Ofértanse 10 prazas en cada un deles.

O obxectivo principal deste programa é  familiarizar aos veciños/as co uso das tecnoloxías da información e comunicación ensinándolle a incorporalas a distintos aspectos da vida diaria, de xeito seguro e axeitado. Con este programa darase resposta á unha das demandas dos Orzamentos Participativos do ano 2020.

Nas primeiras sesións impartiranse nocións básicas de iniciación á informática o sistema operativo, o uso do teclado, a elaboración de documentos sinxelos ou o tratamento da imaxe. Nas seguintes xornadas aprenderase sobre a navegación por Internet, o uso de distintos navegadores, o emprego  dos buscadores, o correo electrónico, as redes sociais, o almacenamento na nube, a realización de distintos trámites a través da rede,  aspectos de seguridade a ter en conta, etc.

Ademais, o curso, a pesar de que se desenvolverá co uso de equipos informáticos, inclúe explicacións para aprender a quitarlle o máximo partido aos dispositivos móbiles.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "El rural maiano se forma para la nueva era digital"

“Alfabetización Dixital no Rural”

Multimedia

  • “Alfabetización Dixital no Rural”