Pestanas principais

Os datos do Ministerio do Interior indican que Ames é o segundo Concello máis seguro de toda Galicia e atópase no top-20 de España

Sábado, 24 de novembro de 2018

[24-11-2018] O Concello de Ames traslada a realidade dos datos estatísticos en relación á seguridade do municipio que pasa por ser o segundo con menor índice de criminalidade de toda Galicia. Os datos extrapolados da páxina web oficial do Ministerio do Interior amosan que Ames, no que vai de ano 2018, tivo un total de 708 infraccións por delitos penais, cifra inferior á media da provincia, á media galega e á media nacional (15 puntos por debaixo). Entre os concellos de máis de 30.000 habitantes Ames tan só é superado por Narón en Galicia, situándose no posto 18º de España en menor número de delitos penais. A Subdelegación do Goberno confirma a redución dos roubos en vivendas e establecementos e os delitos graves ante o repunte das estafas a través da Internet. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as táboas estadísticas sobre os índices de seguridade en Ames ata setembro de 2018.

Roubos en vivendas e con violencia
A estatística dos tres primeiros trimestres de 2018, que se recolle na páxina oficial do Ministerio de Interior, indica que o número de delitos por roubos con forza en vivendas reduciuse un 20% con respecto ao ano pasado, do mesmo xeito que nos establecementos cuxa redución foi do 14,6%. Especialmente significativo é o caso dos roubos con violencia cunha diminución do 100%, non habendo ningún caso no que vai de ano, feito que se repite nos casos de homicidios, secuestros e agresións sexuais. Desde o Goberno cualifican estas cifras como extraordinarias e moi positivas, ao igual que lanzan unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía conforme aos datos reais e oficiais sobre denuncias aparecidas días atrás.

Sobre o incremento do 11% dos delitos penais, que se denunciaba esta semana por parte dun grupo da oposición, dende o goberno municipal informan que é debido á presenza de novos delitos vinculados ás novas tecnoloxías e Internet, que si están a experimentar un incremento, tanto en Ames como en todo o territorio nacional e que nada teñen que ver coa maior presenza policial nas rúas. Este feito era corroborado este mesmo mércores, 21 de novembro, pola Subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, na súa visita a Ames e que explicaba o repunte en delitos de estafas na Internet e que se correspondían con ese incremento do 11%. Desde o goberno municipal confirman que o incremento de delitos non se corresponden pois a delitos relacionados coa seguridade do concello, xa que estes, lonxe de aumentar, descenderon.

Ciberdelitos
O incremento destes delitos a través da Internet xa foron postos en coñecemento do Concello pola Delegación do Goberno na última Xunta Local de Seguridade que tivo lugar en Ames. A ciberdelincuencia está a experimentar un incremento significativo en toda España, cun incremento do 22,1% no pasado ano 2017, sendo a maioría por fraudes informáticos. Galicia, e a provincia de A Coruña, son territorios onde maior incremento estase a experimentar desta tipoloxía, sendo a comunidade autónoma galega a cuarta con maior número de delitos, e a provincia de A Coruña a sexta tan só por detrás de Madrid, Valencia, Baleares, Alacante e Sevilla, o que xustifica o incremento que se ten dado en Ames.

Garda Civil
O cuartel da Garda Civil situado no Milladoiro conta na actualidade con 40 efectivos, o maior número de axentes desde que se puxo en marcha e despois das incorporacións dos últimos tres anos. Este dato era corroborado polo propio capitán do Cuartel na celebración do día da patroa. Para o goberno municipal, os compromisos e avances no reforzo deste cuartel son a mellor nova posible e agardan que siga nesta mesma liña nos vindeiros anos ata alcanzar os 50 axentes para o que foi creado.

Para o alcalde, Jose Miñones, “os ciberdelitos que se incrementaron no concello non se van a minorar por contar con máis axentes na rúa. Os datos do Ministerio do Interior que indican que Ames está na cabeza dos concellos máis seguros é a mellor das novas que podemos ter. Aínda así haberá que traballar para tratar de reducir os ciberdelitos que tiveron un repunte este ano”. Asemade, o goberno municipal confirma que non se van a conformar con estes excelentes datos e seguirán a buscar mellorar a seguridade cidadá. Neste sentido, en breve cubriranse con cinco axentes novos algunhas das baixas da Policía Local e paralelamente, o luns membros do Concello acudirán á mediación laboral, para tratar de atopar unha saída legal á problemática laboral deste corpo de seguridade.

Os datos do Ministerio de Interior amosan que ao longo do 2018, o concello de Ames, en comparativa a municipios de similar número de habitantes como Arteixo, Oleiros, Narón, Carballo ou Vilagarcía, é o concello de Galicia con menor número de furtos, o que ten menor número de roubos con forza en domicilios e establecementos, o que presenta menos roubos con intimidación ou mesmo de delitos graves ou menos graves de lesións e disputas. Ao longo deste 2018 mesmo a subtracción de vehículos reduciuse nun 90% con respecto ao ano pasado, habendo só 1 caso ao longo dos 9 meses. As cifras son unha clara mostra dos índices de seguridade positivos que ten o concello amesá.

Desde o goberno municipal sinalan que o concello atravesa o momento de maior seguridade da última década e no que vai de ano 2018 reducíronse con respecto a 2017, cinco dos parámetros de maior calado como son: os delitos graves e menos graves de lesións e rifas; delitos contra a liberdade e indemnidade sexual; roubos con violencia e intimidación; roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións; e subtraccións de vehículos.

No referente aos furtos, houbo catro casos máis que o ano pasado, de xeito que Ames segue a ser o concello de Galicia con menor número de furtos. Os descensos son moi significativos cunha redución do 62,5% nos delitos contra a liberdade e indemnidade sexual, dun 75% nos delitos graves e menos graves, e dun 91% na subtracción de vehículos.