Pestanas principais

Os días 3 e 4 de maio o Concello de Ames celebrará as III Xornadas de Saúde Mental

Venres, 26 de abril de 2024

O Concello de Ames organiza para a vindeira semana as III Xornadas de saúde mental, que nesta ocasión versarán sobre a saúde mental infantoxuvenil no ámbito educativo. As xornadas terán lugar os días 3 e 4 de maio, e están dirixidas ás persoas interesadas no benestar psicolóxico e a profesionais de todos os sectores. Contarán cunha mesa redonda, dúas conferencias e dous talleres prácticos. Participar é de balde, previa inscrición a través do enderezo electrónico xornada.ames@gmail.com. Ao acto de presentación asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís; e os psicólogos e coordinadores das xornadas, Belén Montesa e Juan Carlos Permuy.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación das terceiras xornadas de saúde mental, un proxecto que deu comezo fai dous anos, coa celebración dun evento que xirou arredor do benestar emocional das crianzas e da rapazada. Nesta ocasión, a iniciativa enfócase na saúde mental infantoxuvenil no ámbito educativo.

As xornadas, que se celebrarán os días 3 e 4 de maio na Casa da Cultura de Bertamiráns, diríxense a profesionais que traballen con nenos e rapaces (persoal sanitario, de servizos sociais, equipos de prevención...) pero tamén ás familias e a todas aquelas persoas que estean interesadas no benestar psicolóxico.

A concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, sinalou que “estas xornadas serven para desmitificar a saúde mental e normalizar o feito de acudir a un psicólogo para pedir axuda”. Ademais, “tamén proporcionan ferramentas para que as familias e os rapaces entendan o que lles ocorre no seu día a día”.

Na mesma liña, a psicóloga e coordinadora do programa CoidadosÁmente, Belén Montesa, subliñou que o que se busca “é dar resposta á realidade dos centros, poñendo o foco na prevención”. Así mesmo, explicou que os días e os horarios escollidos buscan facilitar a conciliación das familias.  

Pola súa banda, o tamén psicólogo e coordinador do proxecto, Juan Carlos Permuy, destacou a novidade destas terceiras xornadas: a representación teatral “¿Y si te pasara a ti?", o sábado 4 de maio ás 13:00 horas.

Pechou o acto o alcalde de Ames, Blas García, que afirmou sentirse “moi satisfeito de darlle continuidade a esta iniciativa por terceiro ano consecutivo, centrándonos desta volta en responder ás necesidades transversais da comunidade educativa”. Concluiu a súa intervención anunciando que durante a mañá do venres 3 de maio, emitirase desde o Pazo da Peregrina de Bertamiráns un programa de radio en directo sobre as xornadas e a relevancia do coidado da saúde mental.

Programación
As III Xornadas de Saúde Mental contarán cunha mesa redonda, dúas conferencias, dous talleres prácticos e un foro, que versarán sobre temas diversos como a relación dos adolescentes coas pantallas, o benestar emocional nas aulas ou a prevención da violencia no ámbito escolar. As charlas desenvolveranse en horario de mañá, mentres que os obradoiros serán polas tardes.

O programa dará comezo o venres 3 de maio, arredor das 16:30 horas, coa apertura e a recepción da documentación. Unha vez inaugurada a xornada terá lugar o primeiro obradoiro, “Estímame, estímome, estímote”, sobre como acompañar o benestar emocional e a saúde mental nas aulas. Será impartido polo equipo do Instituto da Infancia e Adolescencia de Barcelona.

A continuación, tras unha pausa de descanso activo e aperitivo saudable, ás 19:00 horas desenvolverase o segundo obradoiro, titulado “Pantallas, móbiles e adolescencias”. Estará impartido por José Ramón Ubieto, psicólogo clínico membro da Asociación Mundial de Psicanálise e colaborador docente da Universitat Oberta de Catalunya, a Universidade de Barcelona e a Universitat Ramón Llul.

O sábado 4 de maio, as actividades desenvolveranse en horario de mañá, a partir das 9:30 horas. A primeira delas será a conferencia “Construíndo contornas escolares seguras: estratexias para previr e abordar a violencia”, impartida po Mario Izcovich, psicólogo e psicanalista membro da Asociación Mundial de Psicanálise. Arredor das 11:00 horas comezará a segunda conferencia, baixo o título “Adolescencias: do frenesí á vertixe. Como acompañar?”, que contará de novo coa presenza do psicólogo clínico José Ramón Ubieto.

Despois dunha breve pausa, a terceira edición das Xornadas de Saúde Mental pecharase coa representación teatral “¿Y si te pasara a ti?", a cargo da compañía PSIARE, unha formación que nace da unión da psicoloxía, a arte e a educación para o desenvolvemento persoal e social. Fundada en 2009 por Gabriela Lafuente e Javier Casado,  busca crear espazos para poder compartir ideas, experiencias e emocións que xeran benestar físico, psíquico e emocional nas persoas participantes.

Información sobre as inscricións
As persoas interesadas en participar nesta xornada poden inscribirse de balde, enviando un correo ao enderezo electrónico xornada.ames@gmail.com e indicando nome e apelidos, lugar de residencia, se a asistencia será presencial ou en streaming, e preferencia por un dos dous talleres de tarde simultáneos. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Presentación de las III Xornadas da saúde mental del Concello de Ames"

El Correo Gallego: "Ames vela por la salud mental a través de unas jornadas dirigidas a los vecinos y profesionales"

Os días 3 e 4 de maio o Concello de Ames celebrará as III Xornadas de Saúde Mental

Multimedia

  • Os días 3 e 4 de maio o Concello de Ames celebrará as III Xornadas de Saúde Mental
  • Os días 3 e 4 de maio o Concello de Ames celebrará as III Xornadas de Saúde Mental
  • Os días 3 e 4 de maio o Concello de Ames celebrará as III Xornadas de Saúde Mental
  • Os días 3 e 4 de maio o Concello de Ames celebrará as III Xornadas de Saúde Mental