Pestanas principais

Os establecementos hostaleiros de Ames e os comedores escolares servirán o “Caldo de Gloria” con motivo da celebración do Día de Rosalía

Xoves, 22 de febreiro de 2018

[22-02-2018] Ao longo desta fin de semana -os días 23, 24 e 25 de febreiro- algúns dos establecementos hostaleiros de Bertamiráns e do Milladoiro servirán cuncas de caldo de tapa, tanto durante as comidas como pola tarde nas ceas. Con motivo da celebración do Día de Rosalía 2018, unha efeméride que terá lugar este sábado, 24 de febreiro, o Concello de Ames, xunto cos municipios de Brión e Padrón, así como coa Fundación Rosalía de Castro, organizan a actividade denominada “Caldo de Gloria”. Os locais adheridos dispoñen de manteis de papel para utilizar estas datas. Asemade, dentro desta iniciativa, mañá venres 23 servirase caldo galego na rede municipal de comedores escolares.


Este ano a programación de actividades que se realizan en Ames, con motivo da celebración do Día de Rosalía, increméntase cunha nova iniciativa denominada “Caldo de Gloria”. Deste xeito, varios establecementos hostaleiros de Bertamiráns e do Milladoiro servirán, os días 23, 24 e 25 de febreiro, cuncas de caldo, unha receita tipicamente galega que será ofrecida como tapa á hora da comida e da cea nos locais adheridos a esta iniciativa.

A proposta que se lle fixo ao sector hostaleiro de Ames, dende a Concellaría de Promoción Económica e Turismo, promotora da campaña, foi celebrar esta data tan sinalada, o Día de Rosalía, servindo nos diferentes establecementos o caldo que Rosalía de Castro describe no poema Miña casiña, meu lar de Follas Novas, e no que unha muller pobre conta como consegue, fronte ás adversidades que as rodean e ás súas propias penurias, facer un caldo de gloria. Con el non só logra alimentarse e sobrevivir: na súa humildade e ao pé do lume da lareira tamén é feliz.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, explica que “con esta iniciativa desexamos que a veciñanza amesá lembre a Rosalía de Castro no seu día, compartindo en lugares públicos este caldo, un prato para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular. Ademais, os cafés que se sirvan nos bares e cafetarías de Ames irán acompañados de versos de Rosalía co obxectivo de promover a difusión da obra e do pensamento rosaliano entre a veciñanza”.

Esta é unha iniciativa que puxo en marcha en 2017 a Fundación Rosalía de Castro e á que se uniu o ano pasado o Concello de Padrón. Este ano, ademais de Ames, súmase o Concello de Brión, polo que xa serán tres os Concellos que leven a cabo dita iniciativa. Para potenciar a participación activa nesta campaña creouse o pertinente hashtag ou cancelo e na páxina web http://rosalia.gal/ pódense descargar tódolos materiais e textos relacionados co evento.

Café con Verso
Asemade, dende este venres, 23 de febreiro, os cafés que se poñan nos bares e cafetarías de Ames irán acompañados de versos de Rosalía. O poeta amesán Carlos Negro foi o encargado de seleccionar os textos que conforman esta iniciativa denominada Café con Verso. A iniciativa, que se desenvolve de forma conxunta entre as Concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica, acada este ano a súa segunda edición. Café con verso busca difundir a obra, o pensamento e a figura de Rosalía ao tempo que se promove a hostalaría amesá.

Por último, cómpre destacar que o alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, acudirán aos actos que se van a celebrar en Santiago de Compostela o sábado 24 de febreiro pola mañá. En ditos actos tamén participarán representantes da Fundación Rosalía de Castro e dos Concellos de Brión e Padrón, que xunto a Ames puxeron en marcha a nova ruta turística As pegadas de Rosalía. Ás 11:00 horas, na Alameda de Compostela, farase unha ofrenda floral diante da Estatua de Rosalía, mentres que ás 11:30 horas, na Capela do Hostal dos Reis Católicos, realizarase un acto institucional e lectura de varios textos rosalianos. Ao final de dito acto servirase o Caldo de Gloria.


Contido relacionado


Lindeiros: "A bisbarra homenaxea a Rosalía"
La Voz de Galicia: "Gastronomía parar lembrar a Rosalía"
Compostela 24 horas: "Caldos de Gloria en los establecimientos hosteleros de Ames"