Pestanas principais

Os grupos de música e baile tradicional de Ames manteñen aberto o prazo de inscrición durante o mes de setembro

Sábado, 21 de setembro de 2019

Diferentes asociacións de Ames manteñen aberto durante este mes de setembro o prazo de inscrición para participar dos diferentes grupos de música e baile tradicional que ofertan para este próximo curso. A concellaría de Cultura aposta un ano máis pola promoción dos valores tradicionais no eido artístico, fomentando o asociacionismo, facilitando os locais para desenvolver as diferentes actividades, e animando á veciñanza a participar das mesmas. Así, as asociacións culturais Os Retranqueiros, Os Castros, Follas Novas e Terras de Ames ofertan diferentes aulas de música e baile tradicional que comezarán o próximo mes de outubro.

A Asocación Cultural Retranqueiros oferta actividades ligadas ao baile e música tradicional durante os oito meses do curso. Así, os interesados e interesadas en asistir poderán participar de aulas de baile tradicional; pandeireta, gaita e percusión; presolfexo, acordeón e diferentes obradoiros. As actividades desenvolveranse no Milladoiro e a asociación manten a matrícula gratis durante este mes de setembro. Para anotarse nalgunha das aulas ofertadas ou obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 685496615 ou enviar un correo electrónico a silmalo@hotmail.com.

A Asociación Cultural Os Castros oferta para o curso 2019-2020 as escolas de baile, gaita e percusión tradicional. As clases de iniciación impartiranse no Local Social de Bugallido. Este mesmo edificio acollerá as clases xerais de baile tradicional, os sábados de 10:00 a 13:00 horas, e gaita e percusión os sábados de 16:30 a 20:00 horas. Asemade, esta disciplina impartirase tamén os luns, de 20:45 a 22:15 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns; os venres, de 21:00 a 23:00 horas no Local Social de Biduido; e os domingos, de 10:00 a 11:45 horas no Local Social de Trasmonte. Por último, o grupo A de baile tradicional impartirá as súas clases os xoves, de 21:00 a 22:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. A matrícula poderá facerse do 23 ao 27 de setembro no Local Social de Bugallido, de 21:00 a 22:00 horas, e o sábado día 28  de 10:00 a 11:00 horas. O día 5 de outubro terá lugar a presentación e a organización dos diferentes grupos. Para máis información, os interesados e interesadas poden chamar ao número de teléfono 690962363 ou visitar a páxina web www.acoscastros.es.

A Asociación Cultural Follas Novas oferta tamén diferentes aulas de música e baile tradicional, nas que se pode aprender percusión tradicional, gaita de fol, pandeireta, canto, acordeón ou violín. O comezo das actividades está previsto para o día 4 de outubro e as inscricións poden facerse a través do teléfono 669641260 ou do correo electrónico follasnovas.ames@gmail.com. As escolas impartiranse os venres, de 19:00 a 21:30 horas, no Centro Sociocultural de Cruxeiras (Ames) e os sábados, de 10:30 a 14:00 horas, en Aldea Nova.

Por último, a Asociación Cultural e Folclórica Terras de Ames oferta aulas de baile tradicional e pandeireta, que se desenvolverán, a partir de outubro, os martes entre as 17:30 e as 19:00 horas. Para máis información, os interesados e as interesadas poden chamar aos números de teléfono 608924242, 677332557 ou 616766718.

A concelleira de Cultura, Natividade González, destacou a laboura que “as diferentes asociacións culturais fan no concello de Ames, desta volta coa implicación de Retranqueiros, Os Castros e Follas Novas en manter viva a tradición do noso baile e da nosa música. Dende o Concello de Ames animamos a toda a veciñanza a achegarse ao baile e música tradicionais coa numerosa e boa oferta que fan, ano tras ano, estas asociacións, involucrando tamén ás xeracións máis novas na difusión e aprendizaxe da nosa cultura e patrimonio”.

Os grupos de música e baile tradicional de Ames manteñen aberto o prazo de inscrición durante o mes de setembro

Multimedia

  • os castros
  • retranqueiros
  • follas novas
  • terras de ames